En catro meses os CIM de Galicia compartirán un protocolo común de calidade e boas prácticas

O vindeiro mes de outubro estará operativo un protocolo de actuación baixo os criterios de calidade e boas prácticas para a súa aplicación nos 78 Centros de Información ás Mulleres que hai en Galicia, CIM, unha iniciativa da Secretaría Xeral da Igualdade que incidirá directamente na eficiencia e sistematización dos servizos de asesoramento que ofrecen ás mulleres.

Santiago, 7 de xuño de 2011.- Estará baseado nunha metodoloxía que asegure un modelo de calidade e boas prácticas na actividade diaria dos centros de información ás mulleres para mellorar os servizos prestados á cidadanía. Esta guía de actuación ten o propósito de promover redes de intercambio de información, experiencias e resultados; crear plataformas de experimentación para o desenvolvemento conxunto de servizos que fomenten novos enfoques de xestión e dinamizar as actuacións dos centros de información ás mulleres.

O desenvolvemento do protocolo levarase a cabo en tres fases; unha primeira de definición do modelo  e dos criterios de implantación, unha segunda fase de deseño e elaboración do protocolo nos CIM e unha terceira de elaboración dos instrumentos para os distintos servizos prestados. O proceso realizarase en estreita colaboración cos centros de información ás mulleres localizados nas catro provincias, para asegurar que a concepción desta nova aplicación responde ás características e necesidades da súa dinámica de traballo e, consecuentemente, garantir a súa eficacia.

Un equipo de 210 profesionais

A finais de outubro, o protocolo estará preparado para a súa implantación na rede de Centros de Información ás Mulleres de Galicia e a súa aplicación por parte das 210 persoas que ofrecen asesoramento neles, das que 198 son mulleres. Deste xeito, coa protocolización das tarefas de orientación xurídica e psicolóxica dos CIM, a Secretaría Xeral da Igualdade dará resposta a unha demanda do propio colectivo de traballadoras dos centros. Complementariamente, dende hai meses o departamento avanza na adaptación das ferramentas informáticas ao novo traballo protocolizado.

Esta iniciativa está enmarcada no proxecto REDECIM, cofinanciado polo FSE no marco do actual Programa Operativo, no que participan, amais da Secretaría Xeral da Igualdade da Xunta de Galicia, a Comissao para a Cidadanía e Igualdade de Xénero de Portugal e a Dirección Xeral da Muller de Castela e León.