Rede Galega de Acollemento

Que é?

É unha rede de recursos especializados residenciais e temporais, configurada por diferentes centros de acollida que ofrecen acollemento, atención e recuperación ás mulleres que sofren violencia de xénero e ás e aos menores ao seu cargo que requiren un espazo de protección debido á situación de indefensión ou risco causada pola violencia de xénero. 

 

A quen vai dirixido?

A mulleres vítimas de violencia de xénero e ás e aos menores ao seu cargo.

Para o acceso á Rede galega de acollemento deberá acreditarase a situación de violencia de xénero nos termos establecidos no artigo 5 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero. É dicir, a través dalgún dos seguintes documentos:

  • Certificación da orde de protección ou da medida cautelar, ou testemuño ou copia autenticada pola secretaria ou polo secretario xudicial da propia orde de protección ou da medida cautelar.
  • Sentenza de calquera orde xurisdicional que declare que a muller sufriu violencia en calquera das modalidades definidas na Lei 11/2007.
  • Certificación e/ou informe dos servizos sociais e/ou sanitarios da Administración pública autonómica ou local.
  • Certificación dos servizos de acollida da Administración pública autonómica ou local.
  • Informe do Ministerio Fiscal que indique a existencia de indicios de violencia de xénero.
  • Informe da Inspección de Traballo e da Seguridade Social.
  • Calquera outra que se estableza regulamentariamente.
  • No caso de vítimas de trata de seres humanos con fins de explotación sexual, deberá presentarse a acreditación administrativa correspondente.

 

Quen pode solicitalo?

A solicitude de acceso realizarase mediante procedementos protocolizados de derivación. As entidades que poden derivar son as seguintes:

  • Centros de Información á Muller
  • Centros de crise 24 horas
  • Servizos sociais comunitarios e servizos sociais especializados de Galicia Centros adscritos ao Servizo Galego de Saúde (hospitais, centros de saúde, etc.)
  • Xulgados radicados en Galicia
  • Oficinas de Asistencia ás Vítimas do Delito (OAVD)
  • Forzas e Corpos de Seguridade do Estado radicados en Galicia, Policía Autonómica e Policía Local de Galicia.
  • Organismos con competencia en atención e acollida a mulleres en situación de violencia de xénero doutras Comunidades Autónomas, Cidades Autónomas ou organismos con competencia en materia de igualdade doutros países.
  • Entidades ou asociacións que teñan subscritos convenios de colaboración en materia de tratamento da violencia de xénero coa Xunta de Galicia ou que acrediten unha colaboración estable no ámbito da igualdade e a prevención e loita contra a violencia de xénero.
  • Entidades que conforman a Rede galega contra a trata no caso de vítimas de trata de seres humanos con fins de explotación sexual. 

Quen forma parte da Rede?

Actualmente forman parte da Rede galega de acollemento os seguintes centros:

  • Casa de acollida da Coruña
  • Casa de acollida de Ferrol
  • Pisos de acollida de Lugo
  • Casa de acollida de Ourense
  • Centro de emerxencia de Vigo
  • Vivenda para mulleres con enfermidade mental
  • Vivendas de acollida de Chantada

Poderán adherirse á Rede galega de acollemento todos os centros de acollida que cumpran cos requisitos e características que se establezan regulamentariamente.

Quen coordina a Rede galega de acollemento?

O Centro de recuperación integral para mulleres que sofren violencia de xénero (CRI) actúa como centro coordinador da Rede galega de acollemento, sendo o responsable de coordinar o acceso á Rede galega de acollemento e de tramitar as derivacións de vítimas de violencia de xénero fóra de Galicia e receptor das que cheguen á nosa comunidade derivadas desde outras partes do Estado.