María Tarsy Carballas

Premio María Josefa Wonenburger 2012

María Tarsy Carballas Fernández (Taboada, Lugo, 1934), doutorada en Farmacia e licenciada en Química pola USC e doutora “Ad Honorem” do Consello Superior de Investigacións Científicas, foi designada premio María Josefa Wonenburger 2012 que outorga anualmente a Unidade de Muller e Ciencia de Galicia. A decisión adoptouse por unanimidade no trascurso da sesión plenaria celebrada en Santiago o 4 de xullo, en atención á dilatada e prolífica traxectoria da premiada, especializada na investigación edafolóxica para recuperar terreos en zonas afectadas polos incendios.

María Tarsy Carballas foi pioneira na realización de estudos sobre xénese, caracterización, clasificación e cartografía dos solos de zona templado-húmeda de España, que culminaron na elaboración dos mapas de solos de Galicia, Asturias, Cantabria, León, Zamora e Pirineo oscense, incluidos no World Soils Map da FAO. Unha ampla parte da súa investigación está centrada no coñecemento do impacto dos incendios sobre as propiedades do solo e no estudo da súa recuperación, así como no desenvolvemento de técnicas de protección inmediata dos terreos queimados contra a erosión post-incendio e de restauración dos ecosistemas forestais afectados.

Ten dirixido 23 proxectos de investigación nacionais e internacionais e participado noutros 14 proxectos de ámbito nacional ou internacional. Dirixíu sete teses doutorais e 11 memorias de licenciatura e impulsou e supervisou outras sete teses doutorais dirixidas por membros do seu grupo de traballo. É autora de máis de 230 publicacións, entre elas, 12 libros científicos, 6 traducións de libros científicos, 11 capítulos de libros, 130 artigos publicados en revistas internacionais e en revistas españolas, artigos de divulgación e máis de 70 documentos científico-técnicos. Presentou 95 comunicacións a congresos internacionais e nacionais.

Desde 2006 é presidenta do Consello Asesor de Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico da Xunta de Galicia e, entre outras distincións, está en posesión da Medalla Castelao 2009.

María Tarsy Carballas recibirá o premio Maria Josefa Woneburger 2012 o vindeiro mes de setembro, nun acto que terá lugar en Santiago de Compostela, organizado pola Unidade Muller e Ciencia de Galicia.