Mabel Loza

Mabel Loza, catedrática de Farmacoloxía da Universidade de Santiago de Compostela e coordinadora do grupo de investigación BioFarma, foi galardoada co Premio María Josefa Wonenburger Planells 2019
Mabel Loza

Mabel Loza, doutora en Farmacia e catedrática de Farmacoloxía na Universidade de Santiago de Compostela, foi galardoada co Premio María Josefa Wonenburger Planells 2019.

Coordinadora do grupo de investigación BioFarma, Loza é autora de cento sesenta e un artigos publicados en recoñecidas revistas, asistiu ao redor de duascentas comunicacións e congresos sobre farmacoloxía, química medicinal e neurociencia e é directora de vinte e dúas teses de doutoramento.

Entre a súa extensa actividade como investigadora, académica e docente destaca, entre outros méritos e responsabilidades, o seu labor como Académica de Número da Academia de Farmacia de Galicia e vicepresidenta da Sociedade Española de Farmacoloxía desde outubro de 2014; a participación na creación da Rede de Farmacogenómica aplicada a I+D de Fármacos da USC; o seu traballo como membro do Comité de Coordinación por parte do Sector Público para temas de Educación e Formación da Plataforma Tecnolóxica Española de Medicamentos Innovadores (PTMEI).

Ademais, foi membro do Pleno da Muller e Ciencia en Galicia (2009-2013), secretaria técnica da Sección de Estudos Farmacolóxicos do Colexio de Farmacéuticos de Oviedo (1984-1987), coordinadora para a posta en marcha da Plataforma Tecnolóxica Galega de Biotecnoloxía na Rede Neurona do Programa INCITE (2008), membro do Comité Territorial da Ética da Investigación (2014-2016) e membro do Consello Científico do Centro de Estudos Avanzados (2007-2015). Cabe destacar tamén a súa participación e labor organizativa en numerosos congresos nacionais e internacionais, talleres e xornadas relacionadas coa farmacoloxía e o seu ámbito de investigación.

Así, o seu liderado na política de I+D+i integral e permanente, na transferencia coa industria, as súas publicacións con alto impacto internacional, os proxectos de innovación de carácter global e a súa capacidade de difusión en formación de investigadores, tanto no ámbito académico como no empresarial, valéronlle a Mabel Loza para ser galardoada co Premio María Josefa Wonenburger Planells 2019.