Burela FSF

As xogadoras do Burela FSF proclamáronse campionas da liga de Primeira División de fútbol sala feminino. O equipo burelista venceu ao Atlético de Madrid por 5-1.

O Burela Fs naceu en 2001 cun plantel masculino que acadou a División de Prata tres anos despois e disputou sete promocións de ascenso á División de Honra, que acadou ao fin da campaña 2011-2012. A aposta polo conxunto feminino prodúxose en 2008, cando o clube tomou os dereitos do Foz FSF e comezou a competir na Segunda División. Un ano despois xa era equipo de elite. Actualmente o clube mariñán move máis de 200 deportistas de todas as categorías e pasou dos 163 socios na súa primeira tempada a case mil que ten nestes momentos.

O equipo feminino burelense acaba de proclamarse campión da máxima categoría cunha plantilla cargada de talento e ilusión, e onde o núcleo duro o forman futbolistas de Galicia. Oito xogadoras –Patri (A Coruña), Dolo /A Coruña), Lucía (Ourense), Haudée (Vigo), Lidia (Narón), Silvia (Burela), Paula (Cervo) e Lara (Viveiro)-, poñen o acento galego a un equipo que o completan dúas brasileiras –Dany e Jozi-, unha extremeña (Maite) e unha madrileña (Peque).