Axudas periódicas para mulleres que sofren violencia de xénero. Ano 2019

VICEPRESIDENCIA E CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

- Bases reguladoras (Resolución do 17 de decembro de 2018)

Modificación das Bases Reguladoras (Resolución do 12 de febrero de 2019)

- Convocatoria 2019 (Resolución do 2 de xaneiro de 2019)

- Anexos SI434A

- Extracto

RESOLUCIÓN do 2 de xaneiro de 2019, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se convoca para o ano 2019 a prestación periódica para mulleres que sofren violencia de xénero prevista no artigo 39 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, modificada pola Lei 12/2016, do 22 de xullo.

A Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, foi modificada pola Lei 12/2016, do 22 de xullo, dispoñendo así no seu artigo 39.1 que «a Xunta de Galicia, a través do departamento competente en materia de igualdade, garantirá a existencia dunha prestación económica de carácter periódico dirixida ás mulleres vítimas de violencia de xénero. A prestación terá en conta a situación socioeconómica das mulleres e irá dirixida a posibilitar a súa autonomía e independencia económica respecto do seu agresor, ou da persoa que mantiver sobre ela unha relación de dominación e mais a tentar axudalas a romper coa situación de violencia».

Ademais, o punto 2 do mesmo artigo 39 establece que «a Xunta de Galicia regulará esta prestación a través dunhas bases reguladoras, que serán aprobadas mediante orde ou resolución pola persoa titular do departamento competente en materia de igualdade. Estas bases reguladoras garantirán en todo caso un prazo de solicitude aberto durante todo o ano e establecerán como potenciais beneficiarias as vítimas de formas de violencia de xénero sinaladas nas alíneas a) Violencia física, b) Violencia psicolóxica, e f) Trata de mulleres e nenas, do artigo 3».

Así, a Resolución do 17 de decembro de 2018, da Secretaría Xeral da Igualdade (DOG núm. 1, do 2 de xaneiro de 2019), aproba as bases reguladoras para a concesión da dita prestación periódica para mulleres que sofren violencia de xénero, e establece no seu artigo 3.4 que, dado o carácter permanente desas bases reguladoras, a Secretaría Xeral da Igualdade publicará no Diario Oficial de Galicia, unha vez aprobado o proxecto de orzamentos da Xunta de Galicia para cada ano, unha resolución convocando a prestación periódica establecida nesas bases reguladoras.

Segundo o Decreto 74/2018, do 5 de xullo, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia e da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, correspóndelle á Secretaría Xeral da Igualdade, como órgano superior da Administración autonómica en materia de igualdade, impulsar as actuacións conducentes á promoción da igualdade e á eliminación da discriminación entre mulleres e homes, así como á eliminación da violencia de xénero nos termos establecidos na Constitución, no Estatuto de autonomía de Galicia, no Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade, na Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, modificada pola Lei 12/2016, do 22 de xullo, e na demais lexislación aplicable na materia.

Por todo o disposto, e no uso das facultades que teño atribuídas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

1. Esta resolución ten por obxecto proceder á convocatoria para o ano 2019 das axudas económicas individuais de carácter periódico de apoio a mulleres que sofren violencia de xénero reguladas no artigo 39 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, modificada pola Lei 12/2016, do 22 de xullo.

2. A finalidade destas axudas é proporcionarlles apoio económico ás mulleres que sofren violencia de xénero para tentar garantirlles unhas condicións suficientes de independencia económica respecto do agresor, ou da persoa que mantiver sobre ela unha relación de dominación para os casos das mulleres vítimas de trata con fin de explotación sexual, e mais a tentar axudalas a romper coa situación de violencia, que lles posibilite dar o primeiro paso ou consolidar a ruptura dunha situación na que corren perigo.

3. O procedemento de concesión tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva, tendo en conta en todo caso os principios recollidos no artigo 5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. O código do procedemento correspondente a estas axudas é o SI434A.

Artigo 2. Orzamento

1. Para a concesión destas axudas destinaranse 5.150.000,00 euros, imputables á aplicación orzamentaria 05.11.313D.480.0 (código de proxecto 2014 00180), de acordo coa seguinte distribución:

– Ano 2019: 2.350.000,00 euros.

– Ano 2020: 2.800.000,00 euros, para o financiamento das axudas que, pola súa duración, xeren dereitos económicos das beneficiarias durante o exercicio seguinte.

Este crédito poderá ser ampliado cando o aumento veña derivado da súa previsión legal ou dalgún dos supostos previstos no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. O incremento de crédito quedará condicionado á declaración de dispoñibilidade deste como consecuencia das circunstancias sinaladas no antedito artigo.

2. Esta convocatoria tramítase de acordo co establecido no artigo 25 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto. Deste xeito, a súa eficacia queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente nos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2019 no momento da resolución.

Artigo 3. Prazo, lugar e forma de presentación das solicitudes

1. O prazo, lugar e forma de presentación das solicitudes para o exercicio 2019 será o establecido nas bases reguladoras para a concesión da dita prestación periódica, aprobadas pola Resolución do 17 de decembro de 2018, da Secretaría Xeral da Igualdade (DOG núm. 1, do 2 de xaneiro de 2019).

2. As solicitudes presentaranse preferentemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

Opcionalmente, poderán presentarse as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa do procedemento administrativo común.

Artigo 4. Requisitos e documentación

1. Os requisitos necesarios para poder ser beneficiaria desta axuda son os establecidos no artigo 5 das bases reguladoras para a concesión da dita prestación periódica, aprobadas pola Resolución do 17 de decembro de 2018, da Secretaría Xeral da Igualdade (DOG núm. 1, do 2 de xaneiro de 2019).

2. A solicitude da axuda deberá presentarse no formulario normalizado, anexo I, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal) xunto coa documentación sinalada no artigo 7 das citadas bases reguladoras da axuda.

Artigo 5. Instrucción, resolución e notificación

1. A instrución do procedemento correspóndelle á Subdirección Xeral para o Tratamento da Violencia de Xénero da Secretaría Xeral da Igualdade.

2. A resolución dos expedientes de solicitude destas axudas correspóndelle á secretaria xeral da Igualdade.

3. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será de cinco (5) meses que se computarán a partir do día seguinte ao da presentación da solicitude. Transcorrido este prazo sen que se ditase resolución expresa, a solicitude entenderase desestimada, de conformidade co disposto no artigo 25 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

4. As resolucións ditadas esgotan a vía administrativa, e contra elas poderá interpoñerse recurso potestativo de reposición perante a Secretaría Xeral da Igualdade, no prazo dun (1) mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, ou ben recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous (2) meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución se esta for expresa, ou de seis (6) meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

5. A instrucción, resolución e notificación do procedemento axustarase ao establecido nas bases reguladoras desta axuda.

Artigo 6. Información ás persoas interesadas

Sobre este procedemento administrativo poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Secretaría Xeral da Igualdade, nas unidades administrativas de igualdade das xefaturas territoriais da Vicepresidencia e Consellería da Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, a través da páxina web oficial da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal/portada, ou da Secretaría Xeral da Igualdade, https://igualdade.xunta.gal, no teléfono 881 99 91 64 ou no enderezo electrónico vx.igualdade@xunta.gal.

Artigo 7. Réxime xurídico

As solicitudes presentadas ao amparo desta convocatoria rexeranse en todos os aspectos polo disposto na Resolución do 17 de decembro de 2018, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión da prestación periódica para mulleres que sofren violencia de xénero, prevista no artigo 39 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento da violencia de xénero, modificada pola Lei 12/2016, do 22 de xullo (DOG núm. 1, do 2 de xaneiro de 2019)

Disposición adicional

As solicitudes recibidas ao abeiro da Resolución do 12 de decembro de 2017, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se convoca para o ano 2018 a prestación periódica para mulleres que sofren violencia de xénero prevista no artigo 39 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, modificada pola Lei 12/2016, do 22 de xullo, que ao final do exercicio anterior non acadasen a fase de resolución por non estar completos os trámites previos, resolveranse con cargo aos créditos desta resolución.

Nestes supostos, o cómputo das mensualidades que lle corresponden percibir iniciarase no exercicio 2019, rexíndose o resto das reglas para o cálculo da contía polo disposto no artigo 6.1 da Resolución do 17 de marzo de 2017, da Secretaría Xeral da Igualdade, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión da prestación periódica para mulleres que sofren violencia de xénero, prevista no artigo 39 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento da violencia de xénero, modificada pola Lei 12/2016, do 22 de xullo.

Disposición derradeira primeira

A secretaria xeral da Igualdade ditará as instrucións necesarias para o axeitado desenvolvemento e cumprimento desta resolución.

Disposición derradeira segunda

Esta disposición entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 2 de xaneiro de 2019

Susana López Abella
Secretaria xeral da Igualdade

Contido: