Compatibilizar a vida laboral, familiar e persoal é, sen dúbida, unha necesidade de toda a cidadanía, pero para as mulleres segue a significar un auténtico reto en termos de desenvolvemento profesional e vital.
A pesar dos avances lexislativos e sociais dos últimos anos, a realidade é que seguen a ser as mulleres as que asumen as responsabilidades do fogar e os coidados en maior medida que os homes, con todos os condicionantes vitais que isto implica: menos tempo para o descanso, para o lecer, para a participación política e social e menores posibilidades de desenvolvemento profesional.
Entre as medidas favorecedoras da conciliación corresponsable, temos que salientar as axudas para a redución de xornada laboral e as liñas de axudas do Plan Corresponsables.