Acadar a igualdade de xénero require dunha profunda transformación social e cultural. Ademais dos distintos programas e servizos que a Xunta de Galicia pon a disposición das mulleres e homes, un foco fundamental do traballo da Dirección Xeral de Promoción da Igualdade é desenvolver, fomentar e colaborar en todo tipo de iniciativas dirixidas a acadar a igualdade.
Interseccionalidade
As realidades das mulleres son infinitamente diversas, polo que para moitas a discriminación por razón de xénero non é a única causa que as coloca nunha situación de vulnerabilidade. As políticas públicas con perspectiva interseccional recoñecen esta situación na que se atopan as mulleres que sofren discriminación múltiple, e teñen presentes as súas necesidades de apoio.
Na actualidade existen as seguintes liñas de axuda dirixidas ao apoio de mulleres en situación de vulnerabilidade:
- Subvencións a entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro para programas dirixidos a mulleres en situación de especial vulnerabilidade (SI427A)
- Axudas e subvencións a entidades locais: Programa de promoción da igualdade e de prevención da violencia de xénero (SI435A)
- Subvencións destinadas á realización de programas de interese xeral para fins de carácter social, con cargo á asignación tributaria do 0,7% do IRPF e do imposto de sociedades (BS623D)
Impulso do asociacionismo e participación
Establécese unha liña de axudas económicas destinadas a fomentar o asociacionismo e a participación das mulleres. Estas axudas teñen como finalidade fortalecer e consolidar o movemento asociativo e potenciar a participación social e a calidade de vida das mulleres galegas a través das seguintes liñas:
a) Liña 1: consolidación do movemento asociativo, destinada a compensar gastos correntes que orixine o mantemento e funcionamento das asociacións de mulleres e das súas federacións.
b) Liña 2: promoción de actuacións e actividades singularizadas en materia de igualdade, de prevención da violencia de xénero e de acompañamento das vítimas, con especial incidencia nas mulleres rurais, mulleres maiores e/ou mulleres en situación de vulnerabilidade, no marco do Pacto de Estado contra a violencia de xénero.
- Axudas económicas destinadas a fomentar o asociacionismo e a participación das mulleres (SI437A)
Campañas de sensibilización
A Dirección Xeral de Promoción da Igualdade realiza de xeito periódico campañas de sensibilización dirixidas a promover a igualdade mediante certames, pezas audiovisuais ou outras ferramentas comunicativas.
Recoñecemento
Ademais do traballo realizado polas administracións públicas, a sociedade civil galega tamén traballa día a día para combater a discriminación por razón de xénero, creando referentes e dando exemplo. Desde a Dirección Xeral de Promoción da Igualdade promóvense iniciativas dirixidas a recoñecer e visibilizar estes referentes.
Espazos de igualdade en festivais
Espazos de sensibilización e de atención e asesoramento continuado ante calquera tipo de violencia de xénero ou LGBTifóbica presente nos principais festivais galegos. O espazo está composto por dúas zonas diferentes pero integradas:
Zona de igualdade, un lugar pensado para a aprendizaxe e sensibilización.
Punto lila e arco iris, para a atención continuada durante todo o festival a posibles vítimas de agresións sexuais ou calquera tipo de violencia machista ou LGBTIfóbica.