A Medalla Emilia Pardo Bazán é un recoñecemento público ás accións desenvolvidas na Comunidade Autónoma de Galicia que contribuísen e destacasen na defensa da igualdade de dereitos e oportunidades entre mulleres e homes.
Candidaturas
As candidaturas poderán ser propostas directamente por calquera persoa física ou xurídica, representantes de organismos, entidades, asociacións, así como calquera Administración pública que consideren relevante e oportuno destacar o labor dalgunha persoa, entidade ou institución polo seu traballo a prol da igualdade entre mulleres e homes.
A quen van dirixidas?
Poderase outorgar este recoñecemento ás persoas maiores de idade, colectivos, entidades ou institucións, tanto públicas como privadas que, coa súa traxectoria ou labor, contribuísen e destacasen no desenvolvemento na Comunidade Autónoma de Galicia de accións relevantes no ámbito da promoción da igualdade entre mulleres e homes.
Galardoadas
2025
- Teresa Portela, deportista olímpica galega, por ser considerada referente na defensa dos dereitos das mulleres e por visibilizar o papel do deporte feminino, rompendo barreiras sociais.
- Manuela López Besteiro, ex conselleira de Familia, Muller e Xuventude (1993-2002), con labor destacado reivindicando dereitos das mulleres, conciliación e corresponsabilidade.
- Unidade de Policía Nacional Adscrita de Galicia (UPA), pola protección que presta ás mulleres vítimas de violencia de xénero, especialmente dentro do sistema Vioxen, e polo acompañamento e apoio diario.
2024
- Institutos de investigación sanitaria de Galicia (IdIS Santiago, INIBIC, Galicia Sur) por ser exemplos da incorporación da muller á ciencia, por estar dirixidos por mulleres e por incorporar a perspectiva de xénero nas actividades de investigación.
- Asociación de Mulleres con Discapacidade de Galicia (Acadar), polo traballo en favor das mulleres con discapacidade, a defensa dos seus dereitos e a mellora das súas vidas cotiás.
- Rosa Celia Otero Graña, presidenta da Asociación de Amas de Casa, Consumidores e Usuarios de A Coruña.
2023
- María Teresa Cortizas González-Criado, recoñecida pola súa experiencia e coñecemento na Administración de Xustiza desde unha perspectiva de xénero e o seu papel como formadora de persoal da xudicatura no ámbito da igualdade e da violencia de xénero.
- Fundación Secretariado Gitano, pola súa longa traxectoria a favor da inclusión social da poboación xitana e polo fomento da igualdade de oportunidades para o colectivo, así como pola loita contra a discriminación múltiple que sofren as mulleres xitanas.
- Executivas de Galicia, pola visibilidade e o recoñecemento público de mulleres profesionais destacadas polo seu prestixio e traxectoria a través do proxecto “Referentes Galegas”.
2022
- Cristina Fernández, primeira fareira de Galicia.
- Asociación Íntegro das persoas con diversidade funcional na Costa da Morte.
- Fundación María José Jove a favor da infancia e da inclusión social.
2021
- María Jesús Díaz Sánchez, fundadora e presidenta desde 2001 até o seu falecemento en 2009 da Asociación Alar de Galicia.
- Zaza Ceballos, produtora, escritora e directora de cine.
- Asociación Mirabal contra a violencia de xénero.
2020
- Federación de Mulleres Rurais de Ourense (Femuro).
- Asociación Rede Mulleres Veciñais Contra os Malos Tratos de Vigo.
- Megumi Shiozawa, a título póstumo.
2019
- Asociación de Diagnosticados de Cancro de Mama (ADICAM), que desde Cangas e con 1400 socias é un referente galego no apoio aos doentes deste cancro.
- Cooperativas Lácteas Unidas, que no 2013 puxeron en marcha o programa Mulleres de Seu para impulsar a participación das cooperativistas nos órganos de decisión.
- Ángeles Carmona, presidenta do Observatorio contra a Violencia Doméstica e de Xénero.