A Xunta de Galicia ten dispoñible un sistema de videointerpretación en lingua de signos que lles garante ás persoas xordas o acceso, en igualdade de condicións, ás liñas telefónicas que canalizan as consultas de información que a cidadanía dirixe á Administración galega.
Este servizo de videointerpretación inclúe a atención das consultas en liña dos Centros Quérote+.
A súa aplicación é froito dun convenio asinado entre a Xunta de Galicia e a Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia.
A prestación deste servizo por parte da Xunta de Galicia faise a través de SVIsual, un sistema de videointerpretación simultánea desenvolvido por F.CNSE para facilitarlle a este colectivo a comunicación en Lingua de Signos Española (LSE).
Como funciona?
Este servizo está dispoñible a través da Rede, polo que para contactar cos Centros Quérote+ empregando SVIsual na súa versión en liña necesitas unha cámara web e unha conexión a Internet.
Ao realizar a chamada a través de SVIsual atenderate unha persoa videointérprete que, empregando unha liña paralela, contactará co equipo profesional dos Centros Quérote+ para indicarlle que se vai establecer a comunicación.
A partir dese momento, a persoa videointérprete actuará de ponte entre a lingua de signos e a lingua oral, isto é, entre a persoa xorda e a persoa oínte.
Confidencialidade
SVIsual garante a confidencialidade e a privacidade de todas as chamadas realizadas a través do servizo de videointerpretación da Xunta, xa que as conversas que teñan lugar durante a súa utilización non serán gravadas en ningún caso.
Calquera dato que a persoa videointérprete poida requirir durante o proceso de comunicación coa persoa xorda só será comunicado verbalmente ao equipo técnico de Quérote+, non reterá nin almacenará ningún tipo de información.
Co emprego de SVIsual, as persoas xordas ou con discapacidade auditiva adquiren unha maior independencia e inmediatez nas súas relacións coa Administración, xa que non necesitan do acompañamento dunha persoa intérprete para realizar as súas xestións.
Ademais, a súa utilización non implica unha dificultade engadida no proceso de comunicación –a curva de aprendizaxe é mínima–, xa que tanto a interface como o funcionamento do sistema foron deseñados para que o seu uso sexa o máis accesible, intuitivo e sinxelo posible.
SVIsual tamén supón unha vantaxe para a propia Administración pública que, co seu uso, consegue eliminar as barreiras de comunicación entre o seu persoal e a cidadanía con xordeira ou discapacidade auditiva, facilitando a interacción directa entre ambos colectivos, ao tempo que optimiza recursos.
Horario
Horario do servizo de videointerpretación
- Horario de inverno
- Do 16 de setembro ao 15 de xuño: de luns a venres de 9:00 a 14:00 e os luns e xoves, tamén polas tardes, de 16:30 a 19:00
- Horario de verán
- Do 16 de xuño ao 15 de setembro: de luns a venres de 9:00 a 14:00