Que é?
É un servizo de tradución simultánea, totalmente gratuíto, que ofrece unha atención a mulleres vítimas de violencia de xénero en 51 idiomas e con acceso a persoas xordas.
Este servizo, ofertado aos Centros de información ás mulleres (CIM), centros da Rede Galega de Acollemento e ONG´s que colaboran no desenvolvemento do Programa de atención a vítimas de trata, busca reducir o estrés producido pola barreira idiomática no acceso das mulleres estranxeiras aos recursos dispoñibles e facilitar unha comunicación verbal máis eficaz, esencial nos casos de trata de persoas e violencia de xénero.
A través desta plataforma de teletradución, estas mulleres dispoñen dun acceso axeitado á información e aos recursos dispoñibles, sobre atención psicolóxica, prestacións económicas, centros de acollida ou asesoramento xurídico.
A quen vai dirixido?
A teletradución está pensada para dar apoio a unha parte da poboación que ten dificultades engadidas para acceder aos recursos existentes, formada polas mulleres inmigrantes residentes en Galicia.
Quen pode solicitalo?
O persoal dos centros que prestan atención a mulleres estranxeiras residentes en Galicia, especialmente as vítimas de trata e/ou explotación sexual, e violencia de xénero:
- Centros de información ás mulleres (CIM)
- Centros da Rede Galega de Acollemento
- ONG´s que colaboran no desenvolvemento do Programa de atención a vítimas de trata
Cando se solicita?
A atención telefónica está dispoñible en oito idiomas as 24 horas do día, todos os días do ano. No resto das linguas estará funcionando en horario de 8:00 h a 18:00 de luns a venres todos os días laborables.
Como se solicita?
A través do teléfono 900 400 273 ou nos Centros de información ás mulleres (CIM), centros da Rede Galega de Acollemento e ONG´s que colaboran no desenvolvemento do Programa de atención a vítimas de trata.
No caso de que a consulta sexa telefónica, o sistema permite o establecemento de chamada a tres, para que interactúen a usuaria, a persoa profesional da entidade e a intérprete.
Onde se solicita?
No teléfono 900 400 273
Centros de información ás mulleres (CIM)
Rede Galega de Acollemento
Rede Galega contra a Trata