Quenda de Garda Psicolóxica en violencia de xénero

Que é?

É un servizo de atención psicolóxica, especializada e permanente, para a atención da muller vítima de violencia de xénero nos momentos inmediatamente posteriores a terse producido un incidente violento ou agresivo, coa finalidade de detectar as súas necesidades psicolóxicas e facilitar así a súa cobertura e, de ser o caso, a presentación de denuncia. 

Este servizo ten carácter inmediato, gratuíto e confidencial e ofrece cobertura en todos os partidos xudiciais da Comunidade autónoma de Galicia.

 

A quen vai dirixido?

Ás mulleres e os seus fillos e fillas en situacións de violencia de xénero.

 

Quen pode solicitalo?

As forzas e corpos de seguridade e os recursos do ámbito xudicial en casos urxentes de violencia de xénero para o apoio psicolóxico dende o primeiro momento de presentación da denuncia.

Cando se solicita?

Nos momentos inmediatamente posteriores a un incidente violento e/ou agresivo. 

No momento en que se procede a presentar a denuncia.

Como se solicita?

Son as Forzas e Corpos de Seguridade as que activan o servizo directamente no teléfono da muller: 900 400 273, achegando o impreso de solicitude:

  1. As Forzas e Corpos de Seguridade ou o xulgado correspondente informan a muller do dereito a recibir intervención psicolóxica de urxencia.
  2. A muller presta o seu consentimento para recibir a intervención psicolóxica de urxencia.
  3. As Forzas e Corpos de Seguridade ou o xulgado correspondente activan o dispositivo chamando ao Teléfono da Muller, 900 400 273, público, gratuíto e operativo as 24 horas os 365 días.
  4. Advertir a muller para que teña activo o teléfono indicado na “Solicitude de Quenda de Garda Psicolóxica”, a través do cal o Teléfono 900 porá en contacto a muller co/coa profesional asignado/a, quen realizará un contacto inicial con ela e a informará do tempo estimado de chegada ao escenario da intervención.
  5. Unha vez recibida a “Solicitude de Atención Psicolóxica”, dende o Teléfono 900: Actívase un/unha psicólogo/a da quenda de garda psicolóxica para que se desprace ao escenario da intervención. Nesta mesma chamada ponse en contacto a muller co/coa psicólogo/a asignado/a para establecer o enlace e facilitar información (nome do/a profesional, hora estimada de chegada etc.).
  6. No caso de solicitude sen activación final, dende o Teléfono 900 infórmase ás Forzas e Corpos de Seguridade ou ao xulgado correspondente da non activación do/a psicólogo/a.

Onde se solicita?

No teléfono da muller: 900 400 273