Que é?
É un servizo de asistencia xurídica inmediata, é dicir, no momento inmediatamente previo á interposición da denuncia, e con profesionais especializadas nesta materia, con independencia da existencia de recursos para litigar, e esténdese a todos os trámites, incidencias e recursos relacionados co procedemento para a que foi concedida, comprende así mesmo a execución da sentenza xudicial durante un prazo de dous anos.
Comprende as seguintes prestacións:
- Asesoramento e orientación no momento inmediatamente previo á interposición da denuncia ou querela.
- Defensa e representación por un/ha avogado/a e procurador/a durante o proceso xudicial.
- Inserción de anuncios ou edictos durante o proceso.
- Exención do pago de taxas xudiciais, así como do pago de depósitos necesarios para a interposición de recursos.
- Asistencia pericial.
- Obtención de copias, testemuños e actas, conforme ao Regulamento Notarial.
- Redución do 80% nos gastos derivados das escrituras públicas, as inscricións en rexistros, etc.
Nos casos de violencia de xénero a asistencia letrada ás vítimas prestaraa a mesma profesional (avogado ou avogada) designada desde o inicio ata a finalización do procedemento, abranguendo ademais todos os procesos penais, civís e administrativos que teñan causa na violencia padecida.
A quen vai dirixido?
Ás mulleres vítimas de violencia de xénero, vítimas de delitos contra a liberdade sexual e vítimas de delitos de trata de seres humanos, con independencia da existencia ou non de recursos económicos.
En caso de falecemento da vítima, este dereito asistirá tamén aos habentes-causa, sempre que non foran partícipes nos feitos.
Quen pode solicitalo?
As mulleres vítimas de violencia de xénero, vítimas de delitos contra a liberdade sexual e vítimas de delitos de trata de seres humanos nos procesos que teñan vinculación, deriven ou sexan consecuencia da súa condición de vítima.
Os habentes-causa, sempre que non foran partícipes nos feitos.
Cando se solicita?
No momento inmediatamente previo á interposición da denuncia, cando se formule denuncia ou querela, ou se inicie un procedemento penal.
Este servizo de quenda de oficio de asistencia xurídica en violencia de xénero está operativo as 24 horas, os 7 días da semana dos 365 días do ano.
Como se solicita?
Presentando o impreso de solicitude no Colexio de Avogacía respectivo ao Xulgado que teña que coñecer o proceso, ou ante o Xulgado Decano do domicilio da vítima. Neste último caso o órgano xudicial enviará a petición ao Colexio de Avogacía correspondente.
Nos Colexios de Avogacía ofrecen información sobre os requisitos e a documentación que hai que presentar, prestando axuda para cubrila se é preciso.
Tamén se pode acudir aos Servizos Sociais do Concello, no Centro de Información ás Mulleres máis próximo ao domicilio, ou a algunhas asociacións sen ánimo de lucro para obter información.
Coa solicitude deberá achegarse toda a documentación precisa, por exemplo, copia das denuncias formuladas con anterioridade no caso de malos tratos, certificado de matrimonio ou libro de familia no caso de separación ou divorcio, etc.
Onde se solicita?
Nos Centros de Información á Muller (CIM) ou nos Servizos Sociais que hai nos concellos facilitan información, apoio e asesoramento específico.
Nos colexios de avogacía, persoalmente ou por correo postal.
Podes atopar os datos de contacto das comisións de asistencia xurídica gratuíta de Galicia e dos servizos de orientación xurídica (SOX) dos colexios de avogacía na seguinte ligazón: Asistencia xurídica gratuíta - Enderezos e teléfonos