Que é?
É un documento que acredita, con efectos administrativos e de carácter social, as situacións de violencia de xénero.
A quen vai dirixido?
Ás mulleres que se atopen nas seguintes situacións:
- Vítimas que se atopen en proceso da toma de decisión de denunciar.
- Vítimas respecto das cales o procedemento xudicial quedara arquivado ou sobresido.
- Vítimas que interpuxeron denuncia e o procedemento penal estea a ser instruído.
- Vítimas con sentenza condenatoria firme con pena ou penas xa extinguidas por prescrición, morte do penado, cumprimento da condena, entre outras causas, ou orde de protección que quedase inactiva (as medidas impostas xa non están en vigor), por sentenza absolutoria ou calquera outra causa que non declare probada a existencia da violencia.
- Vítimas ás que se denegou a orde de protección, pero existan dilixencias penais abertas.
- Cando existan antecedentes previos de denuncia ou retirada da mesma.
Quen pode solicitalo?
As propias interesadas, é dicir, ás vítimas da situación da violencia de xénero.
Nos casos nos que a vítima conte con algún dos títulos de carácter xudicial previstos: sentenza condenatoria por un delito de violencia de xénero; orde de protección ou calquera outra resolución xudicial que acorde unha medida cautelar a favor da vítima; ou ben informe do Ministerio Fiscal que indique a existencia de indicios de que a demandante é vítima de violencia de xénero, e as penas ou medidas impostas en sentenza, orde de protección ou resolución xudicial estean en vigor, as Administracións públicas competentes non deben exixir ningún outro título para acreditar as situacións de violencia de xénero para permitir o exercicio dos dereitos e o acceso a recursos e servizos recoñecidos pola normativa estatal vixente.
Cando se solicita?
Cando se precise dun título habilitante ou un documento que certifique a situación de violencia de xénero.
Como se solicita?
Presentando, a persoa interesada en recibir a acreditación administrativa da situación de violencia de xénero, unha solicitude.
Para a valoración da solicitude, con carácter xeral, poderase requirir que a interesada achegue a seguinte documentación:
- Solicitude en modelo oficial establecido por cada Administración Pública competente, asinada pola solicitante, na que se faga constar a súa solicitude de emisión da acreditación administrativa da situación de violencia de xénero.
- Copia do DNI/NIE/pasaporte da solicitante, salvo que a solicitante autorice ou consinta expresamente á Administración Pública a súa consulta.
- Autorización de comunicación e tratamento de datos persoais asinada pola solicitante, de conformidade coa lexislación vixente de protección de datos de carácter persoal.
- Se se trata de vítimas de violencia de xénero con sentenza condenatoria, cando a pena ou penas impostas nesta (por exemplo, pena de afastamento, prohibición de residencia, prohibición de comunicación, prohibición de porte de armas) estean extinguidas por prescrición, morte do penado, cumprimento da condena ou outras causas, ou se no seu momento ditouse orde de protección no seu favor, pero as medidas impostas xa non se atopan en vigor, achegarase copia da sentenza, auto, orde de protección ou resolución que proceda.
- A solicitante poderá autorizar á Administración Pública competente para que a sentenza e a orde de protección sexan solicitadas por esta aos Puntos de coordinación das Ordes de Protección que posúen acceso aos datos de SIRAJ (Ministerio de Xustiza).
- No caso de que os feitos probados da sentenza conteñan extremos especialmente sensibles para a intimidade da vítima cuxa utilización poida supoñer a súa revitimización, poderá achegarse unha certificación do fallo testemuñada polo Xulgado.
Onde se solicita?
A relación de entidades que acreditan a condición de vítima é a seguinte:
- Servizos sociais da Administración Pública, autonómica ou local.
- Centros da Rede Galega de Información a Mulleres.
- Centros da Rede Galega de Acollemento.
- Servizos sociais comunitarios e especializados de Galicia, dependentes ao órgano superior da Xunta de Galicia con competencias en materia de prevención e loita contra a violencia de xénero.