Caderno para colorear: elas son animais

Os primeiros libros que chegan a nenas e nenos adoitan presentar animais. Entre cero e tres anos, a iniciación na lectura visual case sempre recorre a osos, cans, parrulos... Trátase dunha aprendizaxe con debuxos e textos moi sinxelos aos que o pre-lectorado accede a través da mediación de persoas adultas, con frecuencia na contorna familiar. O problema reside en que, a maioría das veces, eses animais se presentan en masculino, salvo no caso dos nomes epicenos, o cal deriva en que nesa importante franxa de idade na que se accede ao coñecemento do mundo, as primeiras palabras se aprendan sempre en masculino. Nas ocasións nas que aparecen animais en feminino, estes van asociados ao papel de nai e cunha marcada tendencia —tamén na linguaxe— á tenrura e ao empequenecemento mediante diminutivos.

A nosa pretensión con este libro é que os máis pequenos e pequenas aprendan tamén o nome das femias deses animais, ademais de reforzar a súa interpretación como seres fortes, independentes, traballadores... Deste xeito, o feito de que o debuxo, pola súa simplicidade, poida corresponder cun can ou cunha cadela, potencia unha visión igualitaria do reino animal, ao tempo que instala tamén como primeira referencia para o lectorado o xénero feminino.