Aprende coas mulleres galegas

O proxecto "Aprende coas mulleres galegas" pretende achegarnos unha serie de actividades para coñecer e afondar na vida de diferentes referentes intelectuais de Galicia. No apartado de "documentación" poderás descargar unidades didácticas e actividades relacionadas con cada unha das seguintes mulleres de renome:

 

Cantareiras 

A Real Academia Galega homenaxea na edición das Letras Galegas do ano 2025 as cantareiras e a poesía popular oral galega, representada nas figuras de Adolfina e Rosa Casás, Eva Castiñeira, Prudencia e Asunción Garrido, e Manuela Lema.

Dorothé Schubarth 

Dorothé Schubarth foi unha musicóloga e compositora suíza especialista en música popular europea. No ano 1978 chega a Galicia, quedando fascinada polas nosas tradicións e folclore. 

Maruja Mallo

Maruja Mallo foi unha pintora galega de recoñecemento internacional. Considerada unha das máximas representantes do surrealismo, a súa obra destaca en todos os ámbitos por unha constante e innovadora evolución artística.

Mª Victoria Moreno

Mª Victoria Moreno foi unha profesora e escritora en lingua galega que se adicou principalmente á literatura infantil e xuvenil acadando un amplo recoñecemento polas obras "Anagnórise" e "Guedellas de seda e liño".

Ángela Ruiz Robles

Ángela Ruiz chegou a Galicia con 23 anos para exercer como mestra preto de Ferrol. Non só ensinou a escribir a nenos e nenas, senón tamén a pais e nais analfabetos. Ademáis de mestra foi inventora, deseñando o que se considera o primeiro prototipo do libro electrónico.

Concepción Arenal

Concepción Arenal foi unha xurista, escritora, xornalista e loitadora que traballou incansablemente pola igualdade das mulleres. Ao longo da súa vida estudou a situación das persoas presas nos cárceres e a condición da pobreza na sociedade.

Ángeles Alvariño

Ángeles Alvariño foi unha científica galega de recoñecemento internacional. Estudou Ciencias Naturais e foi a primeira muller en viaxar como científica nun buque de investigación británico. Os seus traballos tiveron especial relevancia e aplicación na oceanografía e na bioloxía mariña. 

Ernestina Otero

Ernestina Otero foi unha mestra e pedagoga galega que traballou para implantar un novo xeito de aprender nas escolas. Ernestina estuda Maxisterio en Pontevedra e logo marcha a Madrid á Escola de Estudos Superiores, sendo unha das primeiras mulleres na unversidade. 

Mª Josefa Wonenburger Planells

María Wonenburger foi unha matemática e investigadora galega de renome internacional que traballou no campo da álxebra. Afecionada a deportes coma o hóckey e o baloncesto, foi unha alumna sobresaínte e unha gran políglota. Foi a primeira muller en acceder a unha bolsa Fulbright.

Emilia Pardo Bazán

Emilia Pardo Bazán foi unha escritora, xornalista, editora e catedrática galega, defensora dos dereitos da muller e precursora do movemento feminista. Foi a primeira muller catedrática en Literatura Contemporánea.

Olimpia Valencia

Olimpia Valencia foi a primeira médica galega. Tras estudar Medicina na Universidade de Santiago de Compostela e realizar en Madrid a súa tese de doutoramento, abriu en Vigo a primeira clínica de xinecoloxía dirixida por unha muller. 

Filomena Dato

Filomena Dato foi unha escritora, poeta, oradora e feminista galega. Na súa recompilación de poemas en galego, Follatos, fai unha alegación do papel da muller fronte aos estereotipos existentes a finais do século XIX. O poema "En defensa das mulleres" está considerado unha das primeiras obras feministas da nosa literatura.   

Isabel Zendal

Isabel Zendal foi unha enfermeira galega que formou parte da expedición para levar a vacina da varíola a América. Dende moi nova trasladouse da súa parroquia natal, en Ordes, á Coruña para traballar no Hospital da Caridade coidando dos nenos e nenas do orfanato.

Rosalía de Castro

Rosalía de Castro foi unha poeta e novelista galega, considerada como a máis destacada autora do Romanticismo do século XIX e unha das maiores representantes deo Rexurdimento galego.

Antonia Ferrín

Antonia Ferrín foi unha matemática e astrónoma galega que obtivo as licenciaturas de química, farmacia e matemáticas. Foi mestra de escola, de instituto e de universidade. Destacou coma investigadora sendo a primeira muller en defender unha tese de Astronomía en España.

María Casares

María Casares foi unha actriz galega de cine e teatro. Viuse obrigada a abandonar España tras o levantamento fascista e ao longo da súa carreira acadou numerosos recoñecementos coma a Medalla de Ouro ao Mérito nas Belas Artes en España ou o Grand Prix national du théàtre en Francia.

Luz Pozo Garza

Luz Pozo Garza foi unha escritora, docente, poeta e crítica literaria. Estudou Maxisterio e Filoloxía Románica e ten unha grande obra literaria, destacando os poemarios Paxaro na boca ou Códice Calixtino. Dirixiu as revistas literarias Nordés e Orión, foi membro da Real Academia Galega e no ano 2005 foi galardoada coa medalla Castelao. 

María Barbeito Cerviño

María Barbeito Cerviño foi unha mestra, pedagoga, tradutora, escritora e divulgadora que introduxo o método Montessori en Galicia, que se basea na liberdade e a autoaprendizaxe para poñer ao alumnado no eixo da educación.

Isabel Barreto

Isabel Barreto foi unha navegante galega, ademáis de gobernadora e adiantada, foi a primeira muller na  historia da navegación en obter o cargo de almirante. Descendente dunha familia portuguesa cunha importante tradición na expedición marítima, realizou expedicións a Perú e as illas Salomón.

Elisa Patiño

Elisa Patiño foi unha aviadora galega, a primeira muller en pilotar un avión en Galicia. O día 12 de outubro de 1913 na praia de Baltar, "Chichana" como era coñecida, despegou co seu aeroplano deixando entusiasmada a toda a poboación.

María Vinyals

María Vinyals foi unha escritora, sufraxista e activista social galega. Considerada unha das pioneiras da reivindicación feminista en Galicia, destacou pola súa intensa actividade na loita pola igualdade a través dos seus artigos, conferencias e iniciativas.

Exeria

Exeria naceu na provincia romana da Gallaecia. Realizou unha viaxe de tres anos de duración na que peregrinou ao Oriente próximo e reflectiu toda esta viaxe nun libro no que relata as súas aventuras. Este libro converterase no primeiro libro de viaxes escrito por unha galega.

María Luz Morales

María Luz Morales foi unha xornalista, escritora, crítica teatral e asesora de tradución de guión para a produtora Paramount. Polo seu traballo en diferentes medios convértese nun referente no mundo do xornalismo e no ano 1963 é recoñecida co Premio Nacional de Teatro. 

Manuela Barreiro

Manuela Barreiro foi a primeira muller farmacéutica de Galicia. Foi a primeira muller en Galicia en acadar o título de bacheralato, a primeira muller licenciada pola Universidade de Santiago de Compostela, na que obtén o título de Farmacia, e a primeira muller en ter unha farmacia de seu. 

Rita Fernández Queimadelos

Rita Fernández Queimadelos foi a primeira arquitecta nada en Galicia. Estudou na Facultade de Ciencias de Santiago, asistiu á Escola de Artes e Oficios e, tras rematar esa primeira formación, marchou a Madrid a estudar aquitectura. Entre as súas obras destacan o antigo concello de Fuenlabrada, os proxectos de reconstrucción de Carabanchel ou os traballos realizados como arquitecta municipal en Mula (Murcia). 

Xela Arias

Xela Arias foi unha escritora, editora, tradutora e profesora de literatura moi comprometida, ecoloxista e feminista. Aos 18 anos comezou a traballar en Edicións Xerais de Galicia, pasando de oficinista a editora e correctora, un traballo que compaxinou con colaboracións en publicacións como A Nosa Terra, Diario 16 de Galicia ou o Faro de Vigo

Pura Vázquez

Poeta, mestra e membro correspondente da Real Academia Galega, Pura Vázquez foi a primeira muller en publicar en galego logo da guerra civil. Amante da literatura, comezou a publicar dende moi nova poemas en xornais e revistas, escribindo tanto en galego como en castelán, como por exemplo na publicación La Zarpa

Lolita Díaz Baliño

Lolita Díaz Baliño foi unha pintora, fotógrafa e profesora de debuxo que, en 1938 se converteu na primeira muller membro da Real Academia Galega de Belas Artes. 

María Pita

María Pita foi unha comerciante galega, defensora da cidade da Coruña ante o ataque do pirata Drake en 1589 baixo o lema "quen teña honra que me siga". 

Marcela Gracia e Elisa Sánchez

Marcela Gracia e Elisa Sánchez foron unhas mestras galegas que protagonizaron o primeiro casamento entre mulleres o 8 de xuño de 1901 na Coruña. Para poder realizar esta unión, Elisa tivo que adoptar unha identidade masculina e así enganar ao párroco que debía oficiar o casamento.

Elisa e Jimena Fernández de la Vega

Elisa e Jimena Fernández de la Vega foron dúas irmás xemelgas e as primeiras mulleres en estudar nunha universidade galega, licenciándose en medicina en 1919. Jimena obtivo ademais o premio extraordinario da licenciatura e viaxou por toda Europa para completar a súa formación. 

Sofía Casanova

Sofía Casanova foi unha poeta, xornalista, correspondente de guerra, actriz, enfermeira, escritora... Escribiu contos, novelas e máis de 1200 artigos en diferentes xornais e revistas.