A Xunta recibe a zoca de honra de TDAH Salnés en recoñecemento do seu traballo en favor das persoas con déficit de atención e hiperactividade
Begoña Abeijón destacou a aposta do Goberno galego pola atención temperá para previr, detectar e actuar ante problemas de desenvolvemento desde os primeiros anos de vida
Cambados (Pontevedra), 24 de outubro de 2026
A directora xeral de Persoas con Discapacidade, Begoña Abeijón, recibiu hoxe a zoca de honra da asociación TDAH Salnés, que ademais nomeouna socia de honra en recoñecemento do apoio da Xunta ao traballo que esta entidade realiza no ámbito da atención a persoas con Trastorno por Déficit de Atención e Hiperactividade (TDAH). Begoña Abeijón agradeceu esta distinción, que lle outorgaron durante a clausura das 10ª xornadas de TDAH Salnés Camiñando no tempo, nas que tamén participou o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Pablo Fernández.
A directora xeral destacou a importancia que ten poñer en común as experiencias de persoas con este trastorno para avanzar no seu coñecemento e para afrontalo de maneira satisfactoria. Na súa intervención, puxo en valor este tipo de encontros, xa que contribúen a informar, concienciar e dar máis visibilidade ao TDAH.
Así mesmo, Begoña Abeijón sinalou que é fundamental apoiar ás persoas con esta condición, desde a infancia ata a vida adulta, e tamén aos seus familiares, co fin de que poidan xestionar todas as situacións ás que se teñan que enfrontar no seu día a día.
Neste sentido, a directora xeral subliñou a importancia da atención desde os primeiros anos de vida para previr, detectar e actuar ante casos de TDAH. Ao respecto, fixo fincapé na aposta da Xunta de Galicia por seguir estendendo por toda a comunidade a rede de atención temperá para o tratamento de problemas de desenvolvemento que se poidan producir na primeira infancia.
O delegado da Xunta en Pontevedra, Pablo Fernández, asistiu á inauguración das xornadas nas que participaron profesionais de distintos ámbitos que abordaron o TDAH na infancia e na adolescencia, a prevención e as terapias ou como actuar en ámbitos como a escola.