Belén do Campo destaca no foro Alza Voz de Muller o compromiso da Xunta co liderado, o emprendemento e a visibilidade das mulleres
A representante do Goberno autonómico destacou a importancia de encontros como Alza Voz de Muller para visibilizar experiencias, compartir reflexións e seguir avanzando en dinámicas que xeren a plena igualdade
Vimianzo (A Coruña), 9 de maio de 2026
A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, participou hoxe na mesa de diálogo Facer políticas, sendo muller: poder, exposición e responsabilidade, incluída no foro Alza Voz de Muller, un encontro celebrado no rural que reuniu a mulleres profesionais, emprendedoras e líderes de distintos ámbitos para analizar os retos que aínda condicionan a igualdade real de oportunidades.
Durante a súa intervención, a representante do Goberno galego puxo en valor a necesidade de seguir situando ás mulleres no centro das políticas públicas e de continuar impulsando ferramentas que favorezan a súa presenza nos espazos de decisión, no tecido empresarial e no liderado social e tamén no ámbito da política para seguir animando á participación de máis mulleres tanto no eido lexislativo como no executivo nas administracións.
Belén do Campo subliñou que “a igualdade non pode limitarse a unha data no calendario, senón que debe estar presente os 365 días do ano en todas as políticas e en todos os ámbitos da sociedade”, e lembrou que a Xunta traballa de maneira continua para que Galicia siga avanzando como referente en políticas públicas de igualdade e na eliminación das fendas de xénero.
Neste contexto, destacou a recente posta en marcha de PRESENTES, a nova plataforma dixital impulsada pola Xunta coincidindo coa celebración do pasado 8 de marzo, Día Internacional da Muller, e que constitúe xa a maior comunidade de mulleres profesionais de Galicia e de España.
A través desta iniciativa búscase dar visibilidade ao talento, á experiencia e á capacidade de liderado das mulleres galegas, garantindo que a súa voz estea presente en congresos, debates, medios de comunicación e en todos aqueles espazos nos que se toman decisións. Na actualidade, a plataforma conta xa con máis de 2.000 mulleres profesionais de todos os ámbitos de coñecemento e co apoio de máis de 100 entidades, institucións e asociacións galegas.
Durante a mesa de diálogo, a delegada quixo facer especial fincapé no importante papel da conciliación como un dos grandes factores que continúan condicionando a progresión laboral e persoal de moitas mulleres en diferentes ámbitos incluido a política.
Neste sentido, lembrou que Galicia segue sendo pioneira na implantación de medidas de apoio ás familias, como a gratuidade das escolas infantís tanto na rede pública como privada, converténdose na comunidade autónoma coa taxa de escolarización infantil máis alta do Estado., facilitando unha maior conciliación.
Belén do Campo sinalou que “as mulleres seguimos liderando, emprendendo e asumindo responsabilidades en moitos ámbitos nun sistema que durante moito tempo non estivo pensado para a nosa realidade, e por iso é fundamental que as administracións impulsemos accións concretas que non só acompañen, senón que eliminen obstáculos e xeren oportunidades reais”.
A representante do Goberno autonómico destacou a importancia de encontros como Alza Voz de Muller para visibilizar experiencias, compartir reflexións e seguir avanzando en dinámicas que xeren a plena igualdade
Emprego
A delegada incidiu tamén no labor desenvolvido pola Xunta para impulsar o emprendemento feminino a través do programa EMEGA, no que o Executivo autonómico leva investidos máis de 32 millóns de euros nos últimos anos, permitindo apoiar máis de 2.400 proxectos empresariais promovidos por mulleres e contribuíndo á creación de máis de 4.000 empregos.
Así mesmo, lembrou que este programa continúa reforzándose con novas liñas de apoio orientadas a favorecer a incorporación feminina a sectores e postos tradicionalmente masculinizados, cun investimento específico de 1,2 millóns de euros neste exercicio.
Belén do Campo avanzou ademais que a Xunta está a ultimar, en colaboración coa Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, a primeira Estratexia de emprego feminino en sectores masculinizados de Galicia e de España, unha folla de ruta pioneira para seguir derrubando barreiras laborais e ampliar as oportunidades profesionais das mulleres.