Emprendemento feminino
O talento emprendedor das mulleres en Galicia é un motor de innovación, crecemento e cambio social. Apostar polo emprendemento feminino significa construír unha economía máis diversa, sostible e con novas oportunidades para todas as persoas.
Por iso, desde a Xunta de Galicia impulsamos o Programa Emega, unha aposta firme polo liderado feminino que leva anos apoiando proxectos innovadores, rompendo barreiras e facilitando a conciliación. Queremos que as emprendedoras teñan o apoio necesario para medrar e consolidar os seus negocios.
Emprender non debería significar renunciar a outras facetas da vida. Por iso, o Programa incorpora incentivos específicos para favorecer a conciliación, axudando ás beneficiarias a compatibilizar o seu negocio cos coidados familiares. O obxectivo é que ningunha muller teña que escoller entre emprender e a súa vida persoal.
O Programa ofrece tamén un apoio integral, que vai máis aló das axudas económicas. Inclúe asesoramento, acompañamento e titorización, favorecendo o apoderamento das emprendedoras.
Emprendemento no rural
As mulleres do rural enfrontan desafíos específicos que dificultan o seu desenvolvemento profesional: menor acceso a empregos estables, menos servizos de conciliación, dificultades para acceder a espazos de decisión, problemas de mobilidade...
O VIII Plan Estratéxico de Galicia 2022-2027 pon o foco en reducir estas desigualdades e impulsar a autonomía económica das mulleres do rural fortalecendo o autoemprego, o microemprendemento e a economía social, con iniciativas innovadoras vinculadas á sustentabilidade e ao aproveitamento dos recursos autóctonos.
A igualdade non pode depender do lugar onde vivas. Queremos que todas as mulleres teñan as mesmas oportunidades para emprender, innovar e medrar profesionalmente.
Igualdade no emprego
O mercado laboral segue a ser un dos grandes retos na loita pola igualdade. Aínda hoxe, moitas mulleres atopan obstáculos para acceder a un emprego, progresar profesionalmente ou recibir un mesmo salario polo mesmo traballo.
Galicia non pode permitirse desaproveitar o talento da metade da súa poboación. Por iso a prioridade é reducir estas desigualdades, loitando contra a fenda salarial e promovendo a empregabilidade das mulleres.
Se queres saber máis sobre igualdade laboral e como implantar un Plan de Igualdade na túa empresa, visita 👉 aigualdadelaboral.gal.
Ler máis
Empregabilidade feminina
Facilitar o acceso das mulleres ao mercado laboral significa eliminar barreiras e crear novas oportunidades. Para iso, é fundamental reforzar a formación, a orientación e o acompañamento, asegurando que todas conten coas ferramentas necesarias para mellorar a súa empregabilidade.
Con este obxectivo, reforzamos programas formativos que melloran a cualificación profesional das mulleres, prestando especial atención ás que están en situación de vulnerabilidade.
Igualdade na empresa
A desigualdade no emprego segue a estar influída polos roles de xénero. O traballo produtivo é recoñecido socialmente, mentres que o traballo de coidados, maioritariamente asumido polas mulleres, segue invisibilizado e sen valor económico. Esta situación impacta na súa carreira profesional, dificultando o acceso ao mercado laboral, á promoción ou aos postos de responsabilidade.
Romper con esta discriminación non é só unha cuestión de dereitos e xustiza social, senón tamén unha aposta por un modelo empresarial máis diverso, innovador e competitivo, onde o talento feminino teña o recoñecemento que merece.