A Dirección Xeral de Promoción da Igualdade desenvolve e apoia iniciativas e campañas dirixidas a promover a visibilidade e a inclusión do colectivo LGBTI.
CAMPAÑAS
Historias LGBTI da Galicia orgullosa
Proxecto presentado o 28 de xuño do 2025, Día do Orgullo LGBTI, dirixido á recuperación, visibilización e posta en valor da memoria histórica do colectivo en Galicia.
Historias LGBTI da Galicia Orgullosa parte dunha selección de imaxes históricas e actuais, e seguirá medrando coa participación cidadá. O propósito do arquivo é que calquera persoa poida achegar fotografías e vivencias que axuden a construír un relato máis diverso, máis afectivo e máis real da nosa historia.
Ler máis |
Exposición Galicia Orgullosa
No ano 2024 co motivo do Día do Orgullo LGBTI, a Dirección Xeral de Promoción da Igualdade realizou unha campaña dirixida a poñer en valor o traballo desenvolvido polo tecido asociativo LGBTI en Galicia.
O elemento central da campaña consistíu nunha exposición de láminas nas que se recolleu información sobre o Observatorio galego contra a discriminación por orientación sexual e identidade de xénero así como dalgunhas das entidades que o conforman. As pezas gráficas recolleron tamén fotografías de eventos e proxectos desenvolvidos por estas entidades co fin de darlles visibilidade.
A exposición inaugurouse o 28 de xuño de 2024 no complexo administrativo de San Caetano. Neste acto a directora xeral de Promoción da Igualdade, María Quintiana, deu lectura á declaración institucional do Goberno galego con motivo do Día Internacional do Orgullo LGBTI.