Que é?
É un servizo que permite o traslado das mulleres vítimas de violencia de xénero e dos seus fillos e fillas a calquera dos centros que conforman a Rede Galega de Acollemento, cando as especiais circunstancias da vítima, valoradas polos servizos sociais (municipais ou autonómicos), imposibiliten o seu traslado por outros medios.
A quen vai dirixido?
Ás mulleres vítimas de violencia de xénero e ás e aos menores ao seu cargo que requiran dun espazo de protección debido á situación de indefensión ou risco causada pola violencia de xénero.
Excepcionalmente, poderán ser usuarias deste servizo aquelas outras persoas dependentes das mulleres vítimas de violencia de xénero, previa solicitude motivada e con aprobación expresa por parte do órgano superior da Xunta de Galicia con competencias en materia de violencia de xénero.
Quen pode solicitalo?
A solicitude de traslado poderá ser realizada polas seguintes entidades:
- Centros de Información á Muller
- Centros de crise 24 horas
- Servizos sociais comunitarios e servizos sociais especializados de Galicia
- Centros adscritos ao Servizo Galego de Saúde (hospitais, centros de saúde, etc.)
- Xulgados radicados en Galicia
- Oficinas de Asistencia ás Vítimas do Delito (OAVD)
- Forzas e Corpos de Seguridade do Estado radicados en Galicia
- Policía Autonómica e Policía Local de Galicia
Cando se solicita?
Cando se detecte a necesidade de trasladar unha muller vítima de violencia de xénero, e o devandito traslado non poida realizarse por ningún outro mecanismo dispoñible.
Como se solicita?
Presentando a solicitude de traslado conforme as indicacións recollidas no Protocolo de actuación para o traslado das mulleres vítimas da violencia de xénero.
Onde se solicita?
No centro coordinador da Rede galega de acollemento a través do teléfono 673 282 392.