Que é?
É un programa que oferta prazas e becas nas residencias xuvenís dependentes da Xunta de Galicia que busca favorecer o acceso ao ensino universitario, aos estudos superiores en ensinanzas artísticas, ensinanzas de réxime especial ou ciclos formativos de grao superior das persoas estudantes con escasos recursos e, ao mesmo tempo, dotar da súa colaboración no eido educativo e asistencial as residencias xuvenís.
A Xunta de Galicia dispón dunha serie de instalacións xuvenís, entre as cales figuran as residencias xuvenís que, ademais do aloxamento e mantenza, lles ofrecen ás persoas mozas estudantes e residentes unha serie de servizos e actividades de convivencia e educativas complementarias. As ditas instalacións póñense á disposición das persoas mozas estudantes, coa reserva dun número de prazas para as colaboradoras bolseiras e para as persoas mozas traballadoras.
Do total de prazas, resérvanse 2 prazas en cada residencia para o caso de mozas que sufran violencia de xénero ou para mozos e mozas cuxas proxenitoras a sufrisen e/ou para persoas mozas con expediente de protección aberto. A distribución de prazas por residencia para esta reserva establecerase nas correspondentes convocatorias.
A quen vai dirixido?
Ás persoas mozas menores de 30 anos.
Quen pode solicitalo?
As persoas estudantes non bolseiras maiores de 16 anos.
As persoas colaboradoras bolseiras e persoas mozas traballadoras de entre 18 e 30 anos.
Cando se solicita?
Cando se convoquen as prazas en residencias xuvenís para estudantes.
Como se solicita?
Por vía electrónica, a través do formulario normalizado.
Onde se solicita?
Na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal
Pódese obter información nos teléfonos 981 544 645, 982 294 346, 988 386 112, e 986 817 048.