CIMs Móbiles

Que son?

O servizo CIMs Móbiles é un recurso especializado da Xunta de Galicia para prestar información, asesoramento, atención, orientación e acompañamento psicolóxico, social e xurídico, de forma ambulatoria, en materia de violencia contra as mulleres, naqueles concellos que actualmente non dispoñan dun Centro de Información á Muller (CIM). 

Adicionalmente, tamén se desenvolve o servizo nos sete campus das tres universidades públicas galegas, coa finalidade de achegar os anteditos servizos ao alumnado universitario. 

O seu funcionamento é itinerante e préstase mediante catro vehículos que se desprazan por todo o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, dotados co correspondente equipamento técnico e humano.

Imaxe CIMS Móbiles

A quen van dirixidos?

  • Mulleres que o demanden, de forma individual ou colectiva formando parte dun grupo ou asociación de mulleres.
  • Calquera persoa, en asuntos relacionados coa información, a atención e a prevención da violencia de xénero.

Entre este público potencial do servizo establécense dous grupos prioritarios:

  • Mulleres vítimas de violencia de xénero, así como as fillas e fillos e as persoas menores ou maiores dependentes delas, coa intención de reducir o impacto negativo que a situación de violencia produce nestas persoas.
  • Mulleres pertencentes a colectivos en situación de vulnerabilidade e/ou risco de exclusión social.

     

Que servizos prestan?

  • Asesoramento xurídico, atención psicolóxica e orientación social ás mulleres vítimas de calquera forma de violencia de xénero e, de ser o caso, ás fillas, aos fillos e ás persoas menores ao cargo da muller vítima, ou ás persoas maiores dependentes, facilitando o acceso aos correspondentes recursos.
  • Atención específica ás mulleres que, pola súa situación de especial vulnerabilidade, sexan susceptibles de sufrir calquera forma de violencia de xénero.
  • Información sobre os recursos dispoñibles na contorna local, ou, de ser o caso, a nivel comarcal, provincial ou autonómico.
  • Actuacións de dinamización para a sensibilización e prevención da violencia de xénero, coa finalidade de promover a erradicación dos roles e estereotipos de xénero que subxacen na base das violencias contra as mulleres.
  • Establecemento de canles de comunicación e colaboración con outros axentes presentes no territorio que poidan ser de interese para o desenvolvemento das funcións anteriormente sinaladas.
  • Calquera outra actuación que se adecúe ao obxectivo prioritario de prevención, sensibilización e loita contra todas as formas de violencia de xénero, incluídos os ámbitos social e laboral. 

Contacto

A través do correo electrónico cimmobil.igualdade [at] xunta.gal (cimmobil[dot]igualdade[at]xunta[dot]gal)

A través do teléfono 664 680 289