Que é?
É unha iniciativa de ocio que integra actividades de educación non formal de carácter lúdico, cultural, deportivo, formativo, etc. para os mozos e mozas galegos que, á súa vez, supón un recurso de conciliación da vida familiar e laboral.
Esta iniciativa lúdico-formativa desenvólvese en aloxamentos turísticos distribuídos por toda a xeografía galega en estancias de cinco, oito ou doce días, e sirve tanto para apoiar a adquisición de competencias e habilidades por parte das persoas máis novas como para fomentar o coñecemento da riqueza natural e patrimonial de Galicia, o coidado do medio ambiente e o ocio educativo.
Pódese escoller o campamento ou o minicampamento que se queira en función da idade e das actividades que se leven a cabo nel: actividades diversas que van desde a náutica, deportiva, ambiental, artística, patrimonial vinculada ao Camiño de Santiago, científica, agrícola, etc.
As menores e os menores dependentes de mulleres vítimas de violencia de xénero que residen ou residiron nos últimos anos nalgún centro de acollemento teñen a posibilidade preferente de participar nos campamentos xuvenís organizados pola Xunta de Galicia, a través dunha reserva específica de prazas.
A quen vai dirixido?
Ás persoas mozas residentes en Galicia.
Poden solicitar a participación nas actividades ofertadas as persoas nacidas no ano sinalado para cada actividade na orde reguladora.
Quen pode solicitalo?
As persoas proxenitoras, titoras ou acolledoras das persoas menores solicitantes residentes na Comunidade Autónoma de Galicia.
Cando se solicita?
Cando se convoque o programa de axudas para a concesión dos campamentos de verán.
Como se solicita?
Por vía electrónica, a través do formulario normalizado.
Onde se solicita?
Na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal
Pódese obter información nos teléfonos 981 545 696 e 981 544 926.