Concepción Arenal é un nome que aparece en rúas, parques, bibliotecas, colexios, institutos, centros culturais e monumentos de numerosas vilas e cidades galegas e tamén españolas. Porén, a muller que se agacha detrás de toda esa reiteración non sempre é moi coñecida.
Esta unidade didáctica pon o foco da luz pública e divulgativa sobre ela, para así contribuír ao coñecemento do seu legado cultural, o cal, o mesmo que outras meritorias obras de mulleres, decotío apenas ten cabida nos plans de estudo. En efecto, mesmo recoñecendo que nos últimos anos se mellorou, queda moito por facer de cara á eliminación do prexuízo de que os grandes acontecementos da historia humana levan “nome de home”.