Plan Proxecta+

O Plan Proxecta+ é unha iniciativa da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, en colaboración con diferentes organismos, dirixida a fomentar a innovación educativa nos centros a través de programas educativos que promovan o traballo cooperativo, interdisciplinario e competencial, pero que ademais estean comprometidos coa consecución dos obxectivos de desenvolvemento sostible da Axenda 2030.

O programa abarca diversas temáticas vencelladas aos mencionados obxectivos: igualdade e educación afectivo-sexual, mobilidade sostible, educación patrimonial, hábitos de vida saudables (alimentación e vida activa e deportiva), desenvolvemento sostible e concienciación ambiental, cidadanía mundial etc. Para acadar os obxectivos propostos, este plan promove a realización de proxectos interdisciplinarios que fomenten o papel activo do alumnado ante os desafíos sociais, económicos e ambientais da sociedade actual e do futuro e sirvan de modelo de traballo ou de boa práctica, tanto para o propio centro no que se orixinan como para o resto da comunidade educativa galega.

Neste curso escolar 2025/26 ofrécense 40 programas educativos, que poden ser consultados na web do Plan Proxecta+ (véx. Programas)

Na súa última edición, o Plan Proxecta+ conta con tres programas dedicados á promoción da igualdade:

Donas de si (10)

Con este programa búscase a visibilización e empoderamento das mulleres como pezas fundamentais do desenvolvemento da sociedade galega contemporánea, realizando un proxecto no que se traballe sobre figuras relevantes para construír e divulgar a memoria histórica feminina. 

Por 365 días de respecto e igualdade: prevención da violencia de xénero no ámbito educativo (11)

Este programa persegue porporcionarlles ás mozas e aos mozos a formación e as ferramentas que lles permitan coñecer e recoñecer a violencia contra as mulleres e actuar na súa prevención, fomentando a autoestima, a autonomía, o coñecemento da construción social das súas identidades sexuais e a asignación de roles, o que permitirá traballar na eliminación de esterotipos sexistas e de falsas crenzas. 

Quérote+(32)

Este programa recolle proxectos relacionados coa educación sexual. Con el preténdese dotar de ferramentas ao profesorado para o desenvolvemento persoal do alumnado no seu proceso de crecemento e maduración no ámbito da educación para a convivencia entre os sexos ((educación sexual, modelos de amor e de parella e uso das tecnoloxías).

 

Ligazón