A Xunta de Galicia renovou o documento estratéxico para loitar contra a trata de seres humanos con fins de explotación sexual co aprobación do II Plan galego contra a trata de seres humanos con fins de explotación sexual 2026-2029.
O I Plan galego contra a trata de seres humanos con fins de explotación sexual 2022 - 2024 supuxo unha iniciativa pioneira a nivel autonómico, deseñada para articular diferentes políticas públicas que permitisen dar unha resposta integral e coordinada ás situacións de trata con fins de explotación sexual.
O II Plan galego contra a trata de seres humanos con fins de explotación sexual 2026–2029 configúrase como o instrumento estratéxico para reforzar e dar continuidade á acción pública desenvolvida nesta materia, consolidando os avances alcanzados no período anterior e adaptando a resposta institucional aos novos desafíos normativos, sociais e operativos.
O Plan aséntase sobre un enfoque de dereitos humanos, igualdade de xénero, atención integral e centralidade das vítimas, situando no centro da intervención o seu benestar, a súa seguridade, a súa autonomía e o seu proceso de recuperación. Desde esta perspectiva, a acción pública debe orientarse non só a atender e protexer ás mulleres e nenas afectadas, senón tamén a cuestionar e desarticular as estruturas sociais, económicas e culturais que sosteñen a explotación sexual.
A resposta institucional que articula este II Plan ten carácter transversal e require a implicación coordinada dunha pluralidade de departamentos, administracións, servizos públicos, forzas e corpos de seguridade, sistema xudicial, rede sanitaria, sistema educativo e entidades especializadas. A intervención integral contempla, entre outros elementos, a protección inmediata, a atención psicolóxica e psiquiátrica, a asistencia sanitaria, o apoio psicosocial, a asistencia xurídica, os recursos materiais básicos, a protección residencial, o acceso ao emprego, a inserción sociolaboral e educativa e o acompañamento necesario para favorecer procesos efectivos de autonomía persoal e reintegración social.
O II Plan está composto por cinco áreas estratéxicas:
- Educación, sensibilización e promoción da conciencia social.
- Identificación, derivación, protección asistencia e recuperación das vítimas.
- Formación e mellora da capacitación profesional na atención ás vítimas
- Cooperación, coordinación e colaboración institucional e social
- Investigación e elaboración de estatísticas e informes
O Plan inclúe accións encamiñadas a educación e prevención coa promoción dunha cultura de tolerancia cero cara a trata e a explotación sexual, a protección, a atención psicolóxica, médica e xurídica, incluíndo programas de inserción sociolaboral, a formación especializada para profesionais de sectores como o sanitario, o educativo, a seguridade e o ámbito xudicial.
O Plan incorpora un sistema de seguimento e avaliación orientado a garantir a rendición de contas, a transparencia e a mellora continua da acción pública.