A Xunta sitúa a Galicia como unha das comunidades con mellores recursos de protección para vítimas de violencia de xénero
O director xeral de Loita contra a Violencia de Xénero lembrou que a normativa galega tamén recoñece ás vítimas de violencia sexual e garante os seus dereitos
Roberto Barba sinalou que o Executivo galego foi o primeiro en conceder unha prestación económica destinada ás vítimas
Así mesmo, lembrou que a sensibilización e a prevención son un dos piares fundamentais para a Administración galega que traballa de xeito coordinado cos axentes sociais
Madrid, 27 de maio de 2025
O director xeral de Loita contra a Violencia de Xénero, Roberto Barba, compareceu esta mañá na Comisión de Seguimento e Avaliación de Estratexias do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero. Durante a súa intervención puxo en valor as medidas da Xunta para combater calquera tipo de violencia contra as mulleres e situou a Galicia como unha das comunidades con mellores recursos de protección.
Roberto Barba fixo fincapé na súa intervención na Cámara Alta que Galicia está entre as cinco comunidades con menor taxa de delitos sexuais de España, que se sitúa en 2,93 puntos fronte ao 4,5 do resto do Estado. Ao respecto, lembrou que ademais a normativa galega recoñece ás vítimas de violencia sexual como vítimas de violencia de xénero, garantindo todos os seus dereitos e concedéndolle a mesma protección.
Neste senso, o director xeral recalcou que Galicia foi a primeira comunidade en conceder unha prestación económica mensual a todas as mulleres vítimas de violencia de xénero para que poidan continuar a súa vida de xeito independente e separadas do seu maltratador. A isto, sinalou, súmanse as achegas económicas para incentivar a contratación destas mulleres e impulsar a súa autonomía.
Prevención e sensibilización
Roberto Barba destacou no Senado que as accións da Xunta de Galicia para combater a violencia de xénero baséanse tamén na prevención e sensibilización de toda a sociedade, un labor para o que é fundamental – dixo- a coordinación e colaboración de todos os axentes sociais. Ademais, recalcou o labor que realizan os 84 Centros de Información á Muller (CIMS) que dan servizo de proximidade a preto de 200 concellos, ofrecendo acompañamento e asesoramento a calquera muller que o precise.
Ademais, lembrou que a Administración autonómica conta con novas iniciativas específicas para a concienciación da mocidade. Así, fixo referencia ao programa educativo O machismo é violencia que se está desenvolvendo en diferentes institutos de Galicia e a través do cal o alumnado pode coñecer de primeira man o testemuño dunha vítima. Con isto preténdese, dixo, trasladar á mocidade as diferentes manifestacións da violencia sobre as mulleres e como detectala.
O director xeral tamén fixo referencia á Lei de violencia dixital na que está traballando o Executivo galego e que supón unha medida pioneira no conxunto do Estado. O obxectivo desta norma é combater e previr os comportamentos sexistas e machistas a través das ferramentas dixitais.
Modificación Vioxen
Por outra parte, a Xunta celebra a decisión do Goberno de España para modificar neste ano 2025 o sistema Vioxen, dando resposta a unha demanda histórica que Galicia trasladara en numerosas ocasións e que permitirá, entre outras cousas, adecuar os niveis de risco das vítimas e axilizar a súa protección.
Nesta liña, o director xeral tamén recalcou que para seguir garantindo o avance das medidas de loita contra a violencia de xénero é necesario incrementar o número de efectivos policiais en Galicia e que o Executivo central vén reducindo considerablemente nos últimos anos. Deste xeito, con maior presenza policial, destacou, pódese potenciar o efecto disuasorio e seguir traballando na prevención.