A Xunta sinala que o programa ‘Madres’ da Fundación María José Jove axuda a preto de 150 mulleres en risco de exclusión e aos seus fillos en Galicia

A iniciativa que desenvolve esta entidade desde o ano 2018, conta coa colaboración do Executivo galego e da Fundación Iberdrola

Jacobo Rey puxo en valor a importancia de dotar ás persoas vulnerables de ferramentas que permitan impulsar a súa inclusión sociolaboral

Vilalba (Lugo), 22 de maio de 2025

O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, asistiu ás xornadas de formación do programa Madres que se desenvolven esta semana en Vilalba. Esta iniciativa que leva a cabo a Fundación María José Jove ten como obxectivo axudar ás mulleres en risco de exclusión con fillos ao seu cargo, durante este ano atenderon a preto de 150 usuarias en toda Galicia.

O programa Madres, que está marcha desde o ano 2018, conta coa colaboración do Executivo galego e da Fundación Iberdrola e este ano chega por primeira vez a localidades como Vilalba e o Barco de Valdeorras. As usuarias son derivada polos servizos sociais comunitarios e adoitan ser mulleres novas, con fillos ao seu cargo, sen emprego e, en moitos casos, estranxeiras.

Na visita, na que tamén participaron a presidenta da Fundación María José Jove, Felipa Jove; e o presidente da Fundación Iberdrola, Jaime Alfonsín; Jacobo Rey puxo en valor a importancia de dotar ás persoas máis vulnerables de ferramentas que permitan impulsar a súa inclusión sociolaboral. Neste sentido, indicou que este programa favorece a súa integración na comunidade, ao tempo que se mellora tamén a situación integral dos seus fillos.

Madres é un exemplo da colaboración entre a Administración e as entidades sociais para mellorar a situación das persoas que máis o precisan. Así, durante a visita, Jacobo Rey explicou que o traballo conxunto e as medidas impulsadas pola Xunta para fomentar a conciliación familiar, permiten que Galicia sexa a comunidade con menor taxa de pobreza infantil. Deste xeito, trasladoulle ás entidades o compromiso de seguir traballando da man para seguir impulsando iniciativas que fomenten a inclusión sociolaboral das familias e integración dos máis pequenos.

Temática

Documentación

Ligazóns

Vídeos

Audios