A Xunta sinala a importancia do deporte para previr e sensibilizar contra a violencia de xénero
A Coruña, 17 de novembro de 2024
A directora xeral de Promoción da Igualdade, María Quintiana, destacou hoxe o papel do deporte para previr e sensibilizar contra a violencia de xénero. Fíxoo coincidindo co partido de fútbol da Liga F entre o Deportivo Abanca e o RCD Español, un encontro que se celebrou baixo o paraugas da campaña “NON á violencia de xénero”, da Xunta de Galicia, e que serviu para reivindicar a importancia de seguir traballando desde todos os ámbitos para erradicar a violencia contra as mulleres.
Maria Quintiana lembrou que a Xunta de Galicia está a desenvolver durante todo o mes unha programación especial con motivo do 25N, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres. Esta programación inclúe arredor de 300 actividades, entre as realizadas directamente pola Xunta e tamén as que desenvolven co seu apoio centros educativos, ANPAS, entidades sociais e a rede de Centros de Información ás Mulleres.