A Xunta reforza a rede de Centros de Información á Muller cun investimento de máis de 6,5 M€
Destacou que xa está en marcha o Plan Integral dos CIMS para dar resposta ás necesidades das traballadoras e para melloras no servizo
Santiago de Compostela, 29 de xaneiro de 2025
A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, destacou esta tarde o reforzo da Xunta de Galicia aos Centros de Información á Muller (CIM) cun investimento este ano de máis de 6,5 millóns de euros. Así o sinalou durante a resposta a unha pregunta oral no Parlamento sobre o impulso desta rede de centros na Comunidade.
Fabiola García destacou “a necesidade de redobrar as medidas no ámbito local” como eixo principal na prevención da violencia de xénero. Por iso mesmo, lembrou que xa está en marcha o plan integral de actuación e renovación dos CIMS que, entre outras medidas, contempla a escoita activa de todas as traballadoras para dar resposta ás necesidades destes centros e seguir mellorando o seu servizo.
Así mesmo, fixo fincapé en que Galicia conta con 84 centros destas características que dan servizo a uns 200 concellos e que atenden a unha media de 17.600 mulleres ao ano. Neste senso, sinalou que unha das iniciativas de mellora posta en marcha nos últimos meses é a atención especializada ás persoas LBGTI que, segundo destacou, “poden atopar nos CIMS un punto de referencia de asesoramento e acompañamento”. Isto é así, porque o pasado mes de novembro o Pleno do Observatorio galego contra a discriminación por orientación sexual e identidade de xénero aprobou o protocolo que establece as bases de actuación para o persoal dos centros e as pautas para a correcta atención e integración das persoas atendidas.
A conselleira tamén indicou que a Xunta de Galicia inviste este ano máis de 6,5 millóns de euros para o reforzo de persoal, a mellora das instalacións, a formación continuada ás profesionais e a posta en marcha de actividades de promoción da igualdade e prevención da violencia de xénero. Ao respecto, tamén avanzou que o Executivo galego “xa traballa na habilitación dunha sinatura anónima para garantir a seguridade das profesionais dos CIMS”.
Durante a súa intervención, tamén agradeceu o labor que desempeñan a diario as profesionais destes centros e trasladou o compromiso da Xunta para seguir traballando na mellora do servizo e na atención ás mulleres que o precisan. Deste xeito, recalcou que esta é unha mostra máis do compromiso do Executivo galego na loita contra a violencia de xénero.