A Xunta reforza en 2026 a formación especializada a persoal da administración autonómica, da educación e da sanidade impartidos polos centros Quérote+
Este incremento vén dado pola alta demanda e valoración das formacións desenvolvidas nos últimos anos
Os centros Quérote+ cumprirán este exercicio 20 anos de traballado coa mocidade no eido da promoción da igualdade, o benestar emocional, a sexualidade e a prevención da violencia de xénero
Santiago de Compostela, 7 de xaneiro de 2026.
A directora xeral de Promoción da Igualdade, María Quintiana, avanzou esta mañá que a Xunta de Galicia reforza este 2026 a formación especializada que desenvolve o equipo dos centros Quérote+ a persoal xeral da Administración autonómica, do eido educativo e do sanitario.
Trátase dun reforzo que vén dado pola alta demanda e valoración das diferentes formacións que se foron desenvolvendo durante os últimos anos. No que se refire ao persoal da Administración Pública, a formación “Acompañamento emocional á mocidade”, a través da EGAP, amplíase a dúas edicións neste ano. Para o persoal sanitario, a formación “Atención sociosanitaria respecto da diversidade sexual LGBTI”, co ACIS, mantense o reforzo de 2025 con tres edicións. Ademais, a previsión tamén é incrementar a formación específica para o eido educativo co curso “Educación sexual na aula, profesorado de todas as etapas educativas”.
Quintiana puxo en valor esta maña o importante labor que levan a cabo os centros Quérote+ no fomento de valores como a igualdade entre mulleres e homes, o botrato, a non discriminación e a prevención da violencia de xénero. Fíxoo durante unha vista ás dependencias deste servizo en Santiago para analizar os resultados de 2025 e para preparar a programación de actividades para este exercicio 2026, no que os centros Quérote+ cumprirán os 20 anos en funcionamento.
María Quintiana sinalou que este 2026 os centros Quérote+ seguirán abordando aqueles temas que preocupan á mocidade, tales como a sexualidade e a diversidade sexual, o benestar emocional e a atención ao colectivo LGBTI. Neste sentido, apuntou que a actividade deste servizo abrangue tres ámbitos: o da información, o asesoramento e acompañamento; o da formación e o da participación.
A Xunta conta con cinco centros Quérote+ habilitados nas cidades da Coruña, Lugo, Santiago de Compostela, Ourense e Vigo, nos que se atenden consultas tanto presenciais como telefónicas, en liña ou por mensaxería instantánea. Ademais, o persoal destes centros achéganse so centros educativos, concellos e entidades para impartir obradoiros, cursos e charlas.