A Xunta recorda que os proxectos de emprendemento feminino galegos poden acollerse ás axudas do programa Emega

A convocatoria contempla catro modalidades de axuda, Emerxe, Impulsa e Innova, máis outra complementaria, Concilia; e as achegas oscilan entre os 8.000 e os 42.000 euros

Santiago de Compostela, 25 de xullo de 2025

A Xunta lembra que os proxectos de emprendemento feminino galegos poden acollerse ás axudas do programa Emega que impulsa e apoia o talento feminino. Esta convocatoria que está aberta ata o día 14 de agosto, conta cun orzamento que supera os cinco millóns de euros e beneficiará máis de 350 iniciativas.

Esta convocatoria conta con catro modalidades de axuda: a primeira delas é Emega Emerxe, con contías de ata 22.000 euros, para apoiar novas iniciativas empresariais e a creación de emprego feminino estable por conta propia e allea; a segunda, Emega Impulsa, con ata 17.000 euros de subvención, para favorecer a reactivación e a consolidación de empresas constituídas por mulleres e para implementar medidas innovadoras para a mellora da competitividade; a terceira modalidade é Emega Innova, con contías de ata 42.000 euros, para o desenvolvemento de iniciativas empresariais con contido científico ou con base tecnolóxica. A estas liñas, súmase a axuda complemetaria Emega Concilia, que pretende dar pasos adiante na conciliación entre a vida persoal, familiar e laboral.

Esta orde de axudas, que está cofinanciada nun 60 % pola Unión Europea no marco do programa FSE+ Galicia 2021-2027, tamén busca prestar un maior apoio a mulleres maiores de 55 anos, ás propostas de emprendemento no rural e en sectores masculinizados, así como favorecer a realización de proxectos colaborativos. Deste xeito, os Polos de Emprendemento e Apoio ao Emprego desenvolven un papel estratéxico fundamental, co desenvolvemento dun programa de formación específica para as beneficiarias.

Temática

Documentación

Ligazóns

Vídeos

Audios