A Xunta promove a sensibilización e o asesoramento en materia de xénero a través do punto lila e arcoíris no Morriña Fest

A continuación deste evento, o Goberno galego instalará este punto informativo no Río Verbena e no Caudal Fest

A Coruña, 25 de xullo do 2026

A directora xeral de Promoción da igualdade, Eloína Ingerto visitou esta tarde o punto lila e arcoíris instalado no festival de música Morriña Fest. Alí, destacou que se trata dun espazo aberto desde o comezo ata o final do festival,  a través do que a Xunta busca promover a igualdade de xénero, sensibilizar e ofrecer asesoramento.

O obxectivo do Goberno galego é achegar a través destes espazos ferramentas para concienciar, sensibilizar e prever calquera situación de violencia contra as mulleres ou contra o colectivo LGTBI. Ademais de recibir información, nestes espazos tamén se poden realizar actividades específicas para afondar máis en temáticas como  as masculinidades igualitarias, o reforzo dos vínculos afectivos ou as dinámicas relacionais.

Estes puntos contan con persoal especializado que ofrece asesoramento e acompañamento a calquera persoa que o precise. Para isto, o punto lila e arcoíris conta con dous espazos diferenciados: un de sensibilización e información e outro destinado ás atencións individuais.

A directora xeral lembrou que, a continuación do Morriña Fest, a Xunta instalará este punto lila e arcoíris nas outras grandes citas musicais de Galicia que se celebran no que queda de verán, o Río Verbena e o Caudal Fest.

Temática

Documentación

Ligazóns

Vídeos

Audios