A Xunta pon en valor o compromiso da Fundación Celta de Vigo co deporte inclusivo e igualitario
Fabiola García destacou o apoio deste club ás persoas con discapacidade impulsando a súa autonomía, capacidade e integración
Vigo, 9 de novembro de 2025
A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, participou na gala polo 10º aniversario do club de fútbol Celta Integra impulsado pola Fundación Celta de Vigo e que o conforman xogadores con discapacidade. Neste sentido, puxo en valor o compromiso desta entidade coa promoción dun deporte inclusivo e igualitario como garante de futuro.
No acto, ao que tamén acudiron a delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz; o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete; e a directora xeral de Persoas con Discapacidade, Begoña Abeijón; a conselleira sinalou que o Celta Integra converteuse nos últimos dez anos nun referente da inclusión e derrubando barreiras e estigmas sociais, ao tempo que impulsa a súa autonomía, capacidades e integración.
Fabiola García explicou que na Galicia Calidade que construímos todas as persoas teñen algo que aportar, por iso é fundamental que desde entidades como a Fundación Celta de Vigo se lle dea visibilidade ás persoas con discapacidade; senón que ademais se transmitan valores de inclusión, de solidariedade e de igualdade.