O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, asistiu hoxe ao inicio do servizo acompañado do alcalde, Valentín Calvín

A Xunta pon en marcha o programa Xantar na Casa no concello de Ortigueira

Ata un máximo de 50 persoas poderán recibir nos seus fogares un menú saudable e equilibrado para os sete días da semana, festivos incluídos

Na actualidade, o programa ten arredor de 2.500 usuarios de alta e chega a 200 concellos galegos

Ortigueira (A Coruña), 10 de outubro de 2024

O programa Xantar na Casa da Xunta de Galicia comezou hoxe a funcionar no concello de Ortigueira cos primeiros usuarios dun servizo que poderá chegar ata un máximo de 50 persoas. O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, asistiu hoxe á posta en marcha deste recurso de comida a domicilio que garante unha alimentación saudable e equilibrada adaptada ás necesidades de maiores que viven sos, persoas dependentes ou en risco de exclusión social.

O xerente do Consorcio, que estivo acompañado do alcalde, Valentín Calvín, explicou que son os servizos sociais municipais os que se encargan de seleccionar aos beneficiarios do programa que reciben no seus fogares o menú para os sete días das semana, festivos incluídos. Pola súa banda, a Xunta financia o 50% do coste da comida, mentres que a outra metade corre a cargo do concello e dos usuarios a partes iguais.

A comida repártese nos domicilios nunha única entrega, polo que os destinatarias só teñen que quentala antes de consumila. Ademais, o programa facilita neveira e microondas no caso de que os fogares dos beneficiarios non dispoñan deles.

Na actualidade, o Xantar na Casa chega a 2.500 persoas e a 200 concellos de toda Galicia, repartíndose máis de 17.000 menús semanais.

Temática

Documentación

Ligazóns

Vídeos

Audios