A Xunta participa na carreira e andaina solidaria organizada por Dano Cerebral Lugo
Lugo, 10 de maio do 2026
A directora xeral de Promoción da Igualdade, María Quintiana, participou hoxe na carreira e andaina solidaria organizada por Dano Cerebral Galicia e Dano Cerebral Lugo, que conmemora o 20 aniversario da entidade luguesa. O evento, que se pechou na Praza Maior coa entrega de premios e o sorteo de agasallos, contou con categorías absoluta (5 quilómetros), escolares e cunha andaina (2,5 quilómetros), totalmente inclusivas.
María Quintiana destacou a importancia deste tipo de actividades para dar máis visibilidade e apoiar tanto ás persoas afectadas como ás súas familias. Tamén puxo en valor e felicitou a Dano Cerebral Lugo polas súas dúas décadas de traballo para mellorar a calidade de vida destas persoas, o que a converten en toda unha referencia neste ámbito.