A Xunta lembra que os asistentes ao Caudal Fest teñen á súa disposición o punto lila e arcoíris para sensibilizar, asesorar e acompañar
A directora xeral de Promoción da Igualdade, Eloína Ingerto, agradeceu o labor do persoal deste servizo que estivo presente nos principais festivais de música galegos
Lugo, 18 de setembro de 2026
A directora xeral de Promoción da Igualdade, Eloína Ingerto, visitou esta tarde o punto lila e arcoíris da Xunta instalado no festival Caudal Fest. Desde alí, animou a todos os participantes a achegarse a este servizo destinado á sensibilización, asesoramento e acompañamento en materia de xénero e para o colectivo LGBTI.
A directora xeral lembrou que, antes desta cita festiva, o punto lila e arcoíris estivo presente noutros sete festivais galegos e consolidándose un ano máis “como un dos recursos que máis interese esperta entre os asistentes”. Neste sentido, Eloína Ingerto fixo fincapé en que este servizo ofrece actividades lúdicas para concienciar sobre o bo trato, as masculinidades igualitarias e rachar cos estereotipos de xénero e contra a LGBTIfobia.
Na súa visita, Eloína Ingerto agradeceu o labor do persoal que conforma este servizo e que “fixo un gran traballo ao longo do verán” nas principais citas festivas galegas. Así, lembrou que o punto conta con profesionais especializados en diferentes eidos e preparados para ofrecer atención, asesoramento e acompañar a quen o precise.