A Xunta incrementa ata os 33 M€ a orde de axudas con cargo ao 0,7% do IRPF para programas con fins sociais

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe o aumento de crédito desta convocatoria de achegas

Santiago de Compostela, 30 de decembro de 2024

A Xunta incrementa en 5,2 millóns de euros a orde de axudas con cargo ao 0,7% do IRPF destinadas a financiar programas de carácter social, ata acadar os 33 millóns de euros, un 20% máis con respecto á anterior convocatoria de 2023. O Diario Oficial de Galicia (DOG) de hoxe publica este aumento de crédito que ten por obxecto atender todas as solicitudes que cumpran cos criterios desta orde de achegas.

Poderanse beneficiar destas achegas as entidades que traballen no ámbito da Consellería de Política Social e Igualdade. É dicir, que desenvolvan accións destinadas á protección da infancia, a atención das persoas maiores e con discapacidade, a inclusión social, a promoción da igualdade entre homes e mulleres, ou a prevención da violencia de xénero e o apoio ás vítimas e aos seus fillos.

Estas axudas permiten, ademais, financiar obras ou mercar vehículos e outro tipo de equipamento. Ata agora, só podían utilizar as achegas para estes conceptos as entidades do ámbito da atención ás persoas maiores e con discapacidade, pero, como novidade, agora tamén poderán facelo as que se dedican á infancia, a familia e a inclusión social.

En 2023, financiáronse grazas a estas axudas arredor de 700 programas e accións de carácter social da man de case 150 entidades. Como na anterior convocatoria, o Goberno galego anticipará aos beneficiarios o 100% da subvención cando lles sexa notificada a concesión, permitindo que a xustificación das achegas se realice posteriormente, unha vez completadas as actividades financiadas con esta partida.

Temática

Documentación

Ligazóns

Vídeos

Audios