A Xunta enxalza o traballo dos organismos locais e entidades sociais na promoción da igualdade de xénero e a loita contra a violencia machista
A directora xeral de Promoción da Igualdade participou nas XIV Xornadas Achégate á Igualdade
Ames (A Coruña), 22 de novembro de 2024
A directora xeral de Promoción da Igualdade, María Quintiana, participou esta mañá na inauguración das XIV Xornadas Achégate á Igualdade que se celebran no Concello de Ames e nas que participa persoal técnico dos Centros de Información á Muller (CIM), dos concellos e de entidades sociais que traballan diariamente na prevención da violencia de xénero e de promoción da igualdade.
Durante o encontro abordaron como previr as condutas machistas nas novas tecnoloxías, un espazo no que a mocidade interactúa e se comunica a diario. Nesta mesma liña, a directora xeral lembrou que a Xunta de Galicia vai aprobar a primeira Lei de Violencia de Xénero Dixital de toda España e que establecerá medidas para previr, sensibilizar e tamén actuar fronte a violencia contra as mulleres.
Ademais, María Quintiana sinalou a importante colaboración entre o Executivo galego e as entidades sociais que traballan diariamente para eliminar os estereotipos de xénero e facer unha Galicia máis feminista. Así, agradeceu o traballo do persoal dos CIMS que axudan e asesoran ás vítimas, pero en moitos casos tamén detectan casos potenciais.
Neste senso, a directora xeral lembrou que a Xunta de Galicia vén de aprobar a elaboración do Plan integral de actuación para a renovación e o impulso dos CIM de Galicia e que en 2025 estes recursos xa contarán cun 30 % máis de financiamento, ata superar os 6,5 millóns de euros.