A Xunta elaborará un protocolo específico de atención a mulleres con discapacidade que sofren violencia de xénero
Fabiola García subliña que os avances en materia de atención a persoas con discapacidade “non serían posibles se non contásemos coas entidades sociais como grandes aliadas”
Destacou o apoio que a Xunta presta a estas persoas e ás súas familias en todos os seus pasos vitais: na infancia, na etapa educativa ou no acceso ao mundo laboral
Santiago de Compostela, 2 de decembro de 2024
A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, participou hoxe no acto institucional en conmemoración do Día Internacional das Persoas con Discapacidade organizado por Cermi Galicia en Santiago de Compostela. Durante a súa intervención, avanzou que o Goberno galego elaborará o vindeiro ano un protocolo específico para a atención a mulleres con discapacidade vítimas de violencia de xénero.
A conselleira destacou os avances realizados nos últimos anos na atención ás persoas con discapacidade e subliñou que “non serían posibles se non contásemos coas entidades sociais como grandes aliadas”. Por esta razón, agradeceu ás entidades o seu traballo “as 24 horas e os 365 días do ano polo benestar das persoas con discapacidade”.
Fabiola Garcia lembrou que o compromiso da Xunta é “seguir avanzando cara unha Galicia máis xusta e inclusiva” e que neste camiño enmárcanse medidas como a entrada en vigor este ano do concerto social, un compromiso coas entidades que permitirá blindar a atención á discapacidade para os vindeiros anos. Neste sentido, avanzou que no ano 2025 crearanse novas prazas públicas entre as que desataca a posta en marcha dunha residencia para persoas con trastornos do espectro autista en Friol na que a Xunta investirá 4 millóns de euros.
Fabiola García lembrou que a Xunta seguirá traballando para ampliar a rede de atención temperá, que atende na actualidade a máis de 5.000 nenos galegos; seguirá consolidando un sistema educativo que se ten convertido no máis inclusivo de toda España; seguirá facilitando o acceso ao mundo laboral das persoas con discapacidade; e seguirá ampliando a oferta deportiva, de cultura inclusiva e de tempo libre accesible a toda a sociedade.
Por último, e só unha semana despois da conmemoración do 25N, o Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres, a conselleira de Política Social e Igualdade avanzou que a Xunta elaborará o vindeiro ano un protocolo para a atención a mulleres con discapacidade vítimas de violencia de xénero. O obxectivo é deseñar medidas específicas e establecer unhas pautas concretas para conseguir unha prevención, detección e atención axeitada destes casos.