A Xunta e a Fundación María José Jove impulsan un programa formativo específico para favorecer a inserción laboral das mulleres do rural
O director xeral de Inclusión Social destacou que o Executivo galego destina máis de 34.000 euros en axudas do IRPF para a execución desta iniciativa
Santiago de Compostela, 20 de xuño de 2025
O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, reuniuse esta mañá coa presidenta da Fundación María José Jove, Felipa Jove, para avaliar o transcurso do programa Foadom, que se desenvolve nestes momentos en oito municipio rurais galegos. O obxectivo desta iniciativa coa que colabora a Xunta de Galicia é impulsar a capacitación das mulleres que viven en zonas rurais para impulsar a súa inserción laboral.
O programa Foadom ofrece sesións formativas totalmente gratuítas e regradas para a obtención do título homologado de Hixiene e atención sociosanitaria a persoas dependentes. Este curso, complétase cun asesoramento e orientación personalizada e especializada por diferentes profesionais para favorecer á inserción laboral das participantes en entidades, empresas ou servizos como o de axuda no fogar.
Arturo Parrado destacou que o Executivo galego destina máis de 34.000 euros de axudas con cargo ao 0,7 % do IRPF para a execución deste programa. O obxectivo inicial do programa era chegar a oito municipios galegos e beneficiar a 80 usuarias, unha cifra que se pode duplicar ao longo deste 2025 debido á boa acollida que está tendo a iniciativa.
Neste sentido, Arturo Parrado agradeceu o traballo que desenvolve esta entidade social para mellorar a vida das persoas que máis o precisan, ao tempo que se comprometeu a seguir colaborando para a posta en marcha de novas iniciativas e programas.