A Xunta destina máis de 280.000€ a programas e recursos orientados a persoas con esclerose múltiple a través de Fegadem
A directora xeral de Persoas con Discapacidade, Begoña Abeijón, asiste á estrea do documental ‘O silEMcio do rural’
Santiago de Compostela, 3 de abril de 2025
A directora xeral de Persoas con Discapacidade, Begoña Abeijón, asistiu esta tarde á estrea do documental O silEMcio do rural, promovido pola Federación Galega de Esclerose Múltiple (Fegadem). No acto, felicitou á entidade por impulsar iniciativas que buscan visibilizar as barreiras e necesidades ás que se enfronta o colectivo.
A directora xeral reiterou o compromiso da Xunta de Galicia coas persoas que sofren esclerose múltiple, ás que destina cada ano máis recursos. Así, na última convocatoria de axudas do 0,7% do IRPF, a Consellería de Política Social destinou máis de 280.000€ á Federación Galega de Esclerose Múltiple, para promover programas de rehabilitación, asesoramento ás familias e ás persoas afectadas e atención integral, así como melloras nos espazos, novos equipamentos informáticos e materiais de rehabilitación para a federación e para as asociacións que a conforman.
O documental, que se proxectou na sede da Asociación Compostelana de Esclerose Múltiple (ACEM), é un proxecto audiovisual centrado en detectar, avaliar, dar visibilidade e cobertura ás necesidades das persoas con esclerose múltiple que viven nos concellos rurais de Galicia. A película ten como base unha viaxe polas catro provincias galegas na que se recollen testemuñas de persoas que conviven con esta enfermidade lonxe das cidades e como se enfrontan a esta realidade.