A directora xeral de Promoción da Igualdade, María Quintiana, visitou esta mañá o Centro de Información á Muller de Poio

A Xunta destina máis de 12,2 M€ aos concellos para apoiar aos CIM, actividades de promoción da igualdade e o Plan Corresponsables

María Quintiana lembra que o Goberno central vén de recortar preto de 50 millóns de euros do total do Plan Corresponsables, o que supón para Galicia pasará de recibir 9,3 a tan só 6,9 millóns de euros

Hoxe saen publicadas no DOG a resolución da convocatoria das tres liñas de axudas destinadas ao apoio aos concellos galegos

Poio (Pontevedra), 30 de maio de 2025

O Diario oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución da convocatoria de axudas concedidas aos concellos de máis de 12,2 millóns de euros, cun 12% máis de orzamento que en 2024, a través de tres liñas: para o apoio ao pago do persoal dos Centros de Información á Muller (CIM), a execución de programas de promoción da igualdade e prevención da violencia de xénero e actividades de conciliación e corresponsabilidade. Esta última liña, a de conciliación e corresponsabilidade, cos fondos do Plan Corresponsables, do que o Goberno central vén de recortar a Galicia 2,3 millóns de euros.

A directora xeral de Promoción da Igualdade, María Quintiana, visitou esta mañá o Centro de Información á Muller (CIM) de Poio, un dos concellos beneficiarios a través das liñas para o apoio ao persoal do CIM e para as accións de conciliación e corresponsabilidade. Neste sentido, Quintiana lembrou que o Goberno central acaba de recortar os fondos do Plan Corresponsables en case 50 millóns de euros, de 190 a 142, 5 millóns de euros, o que supón para Galicia deixar de recibir 2,3 millóns de euros, un orzamento que xa estaba comprometido.

Deste xeito, a directora xeral explicou que, para poder facilitar a xestión e a xustificación dos fondos aos concellos, as convocatorias do Plan Corresponsables realízanse a través de anticipado de gasto. Así,  lembrou que a liña de axudas a concellos cos fondos do Plan Corresponsables é de 6,5 millóns de euros, pero que tamén existen outras dúas liñas de apoios con estes fondos a entidades de iniciativa social, de 300.000 euros, e a de ANPAS, 600.000 euros. Neste sentido, só este gasto comprometido das convocatorias supón 7,4 millóns de euros, cando o Goberno central este ano pasará -sen previo aviso- de abonar 9,3 a soamente 6,9 millóns de euros.

Quintiana volveu solicitar que o Goberno nacional explique a que irán destinados os 50 M€ que recortou do orzamento do Ministerio de Igualdade e que obriga agora a cofinancialo por parte das Comunidade autónomas, cando non estaba previsto nos orzamentos do actual exercicio. Nestes sentido, os apoios do Plan Corresponsables en Galicia beneficiarán este ano a 234 concellos, cun investimento de 6,5 millóns de euros para actividades de conciliación e de sensibilización en materia de corresponsabilidade.

No que se refire á liña de apoio á rede de 84 CIM de Galicia, conta con 5 millóns de euros para financiar gastos de persoal, cun incremento do 13,6 % con respecto ao 2024. Con isto, apóiase este servizo de atención integral información e asesoramento ás mulleres e ás persoas LGBTI na que traballan máis de 200 profesionais. Unha das novidades deste ano é que se aumentou a contía máxima de axuda que pode recibir os concellos cando a solicitude é individual, pasando dos 45.000 euros a 52.000 euros deste ano. No caso dos concellos de xestión compartida, a axuda máxima é de 120.000 euros.

E xa por último, coa liña de apoio para accións de promoción da igualdade e prevención da violencia de xénero, que conta con 650.000 euros, un 30% máis que en 2024, apóiase a 12 entidades máis que no pasado ano. Neste caso, as axudas máximas son de 28.000 euros para concellos mancomunados e de 15.000 euros paras as que as desenvolva un só concello.

A Xunta adiantará aos concellos o 80% da contía dos apoios para que poidan desenvolver estes programas coa liquidez necesaria.

Temática

Documentación

Ligazóns

Vídeos

Audios