A Xunta destaca os centros de crise 24 horas como un recurso de atención integral para as vítimas de violencia sexual
O director xeral de Loita contra a Violencia de Xénero, Roberto Barba, visitou as instalacións do centro en Santiago, onde lembrou o compromiso do Executivo galego coa erradicación da violencia contra as mulleres
Santiago de Compostela, 10 de novembro de 2026
O director xeral de Loita contra a Violencia de Xénero, Roberto Barba, visitou esta mañá o centro de crise 24 horas para a atención a vítimas de violencia sexual, localizado no hospital Gil Casares. Alí destacou a importancia deste recurso para ofrecer unha atención integral ás mulleres que o precisen.
Apuntou ao respecto que cada un dos cinco centros de crise abertos pola Xunta en Santiago, Ferrol, Lugo, Ourense e Vigo ofrece apoio psicolóxico, xurídico e social ás vítimas de violencia sexual, que son atendidas de xeito inmediato. Algo que é posible, indicou Roberto Barba, grazas a un completo equipo profesional no que se inclúe persoal administrativo, traballadores sociais, asesores xurídicos e psicólogos, entre outros perfís profesionais.
O director xeral indicou que o obxectivo da Xunta coa apertura destes recursos é que ningunha muller se sinta soa nin desprotexida ante unha situación de violencia sexual e resaltou que, neste sentido, o Executivo galego está potenciando a colaboración e cooperación doutros recursos autonómicos, como os centros de información á muller (CIM), CIM móbiles e o centro de recuperación integral (CRI), cos centros de crise. Todo, lembrou, como parte do compromiso do Goberno galego coa erradicación da violencia contra as mulleres.