A Xunta destaca o traballo dos centros de información á muller como piares fundamentais na prevención e eliminación da violencia de xénero
O director xeral de Loita contra a Violencia de Xénero destacou que en Galicia hai 84 CIMS que dan servizo a 200 concellos
Roberto Barba sinalou que o Plan Integral dos CIMS que contará cun 30,6 % máis de financiamento por parte do Executivo galego
Ademais, lembrou que o concello do Porriño contará co primeiro centro de acollida á vítimas de violencia de xénero con problemas de adición
O Porriño (Pontevedra), 29 de novembro de 2024
O director xeral de Loita contra a Violencia de Xénero, Roberto Barba, participou nas xornadas A violencia machistas: unha realidade social en pleno século XXI que organiza o concello do Porriño. Durante o acto, destacou o papel dos Centros de Información á Muller (CIMS) como ferramentas fundamentais para a prevención e eliminación das violencias contra as mulleres.
Roberto Barba sinalou que actualmente hai 84 CIMS en Galicia e que dan servizo a uns 200 concello. Neles traballa persoal que asesora, apoia e acompaña ás vítimas, pero tamén realizan un importante labor de sensibilización coa poboación. Neste senso, o director xeral destacou que en moitas ocasións estes centros son os primeiros lugares onde se denuncian os casos de violencia machista e os primeiros en axudar ás vítimas.
O director xeral fixo fincapé no labor destes centros e lembrou que a Xunta de Galicia vén de aprobar o Plan Integral dos CIMS que conta, entre outras medidas, cun incremento do apoio económico do Executivo galego nun 30,6 %, superando os 6,5 millóns de euros. Ademais, lanzarase unha liña de axudas para a mellora da infraestrutura e continuará co plan de formación do persoal.
Ademais, Roberto Barba sinalou que a Xunta de Galicia vai firmar un convenio co concello do Porriño para crear o primeiro centro de acollida para a atención de vítimas de violencia de xénero con problemas de adición. Este complexo formará parte da Rede Galega de Acollemento que conta actualmente con sete centros en toda Galicia e ofrece 80 prazas.