A Xunta destaca o seu compromiso real e continuado coa igualdade a través de medidas nos ámbitos da conciliación, da educación e do emprego
A directora xeral de Promoción da Igualdade, Eloína Ingerto, compareceu hoxe na Comisión 5ª do Parlamento de Galicia, onde tamén resaltou as iniciativas de visibilización do talento feminino e de sensibilización impulsadas polo Goberno galego
Santiago de Compostela, 15 de outubro de 2026
A directora xeral de Promoción da Igualdade, Eloína Ingerto, destacou esta mañá o compromiso real e continuado da Xunta coa igualdade de xénero, presente, dixo, en todas as políticas do Goberno galego como unha prioridade transversal. Na súa comparecencia parlamentaria na Comisión 5ª de Sanidade, Política Social e Emprego resaltou que o Executivo autonómico traballa “os 365 días do ano pola igualdade, polo respecto, por seguir rompendo fendas de xénero e por seguir avanzando na igualdade que abre portas e que suma”.
Eloína Ingerto detallou a continuación algunhas das accións levadas a cabo pola Xunta para avanzar no obxectivo de acadar unha Galicia igualitaria, entre as que destacou o impulso do emprego feminino, especialmente en sectores masculinizados, as medidas de apoio a conciliación e a corresponsabilidade e a incorporación da perspectiva de xénero no ámbito educativo.
Salientou, igualmente, a visibilización do talento feminino a través da plataforma Presentes, que aglutina a máis de 2.000 profesionais galegas e máis de cen mulleres referentes na historia, e as medidas de sensibilización en materia de igualdade como os centros Quérote+ e os puntos lila e arco iris.
Por último, a directora xeral asegurou que a Xunta manterá o seu compromiso coa igualdade “reforzando aquelas medidas que están a demostrar a súa eficacia e o seu impacto positivo e impulsando novas iniciativas que permitan afrontar os novos retos”.