A Xunta destaca o papel da educación na concienciación e prevención sobre a violencia de xénero

Roberto Barba destacou que o Executivo galego aposta pola colaboración entre os diferentes axentes sociais para combater calquera tipo de violencia contra as mulleres

A Coruña, 30 de maio de 2025

O director xeral de Loita contra a Violencia de Xénero, Roberto Barba, participou na inauguración da Xornada universitaria galega en xénero, que organiza a Universidade da Coruña. Durante a súa intervención, destacou o papel que desenvolve a educación na concienciación e prevención sobre a violencia contra as mulleres.

Durante este encontro, diferentes expertos e membros da comunidade universitaria analizaron os retos e desafíos aos que se enfronta a sociedade en materia de xénero. Ao respecto, avaliaron o papel que desenvolven as Administracións e as Institucións na prevención e sensibilización nos diferentes ámbitos sociais para previr e sensibilizar sobre os diferentes tipos de violencias machistas. 

O director xeral tamén lembrou os diferentes convenios de colaboración que a Xunta de Galicia e as Universidades galegas realizan cada ano co obxectivo de implantar novas políticas de sensibilización e concienciación, así como a realización de estudos sobre a violencia de xénero. Neste senso, Barba recalcou que este tipo de colaboración é fundamental para combater a violencia de xénero.

Ademais, Roberto Barba salientou que a Xunta de Galicia conta con diferentes recursos específicos para a atención e asesoramento a calquera muller que estea sufrindo algún tipo de violencia. Deste xeito, sinalou o papel que desenvolven os Centros de Información á Muller (CIMS), que na actualidade dan servizo a 200 concellos de Galicia, ou os centros Quérote+.

Temática

Documentación

Ligazóns

Vídeos

Audios