A directora xeral de Promoción da Igualdade inaugurou esta tarde en Vimianzo o II Foro de Liderado Feminino no rural

A Xunta destaca o emprendemento feminino como panca imprescindible no desenvolvemento sostible do rural galego

María Quintiana subliña a importancia deste encontro para dar máis visibilidade a mulleres que son protagonistas de proxectos empresariais, sociais ou culturais

Salienta que case o 60% dos proxectos de emprendemento feminino apoiadas na última convocatoria foron en concellos de menos de 20.000 habitantes

Vimianzo (A Coruña), 8 de maio do 2026

A directora xeral de Promoción da Igualdade, María Quintiana, destacou o emprendemento feminino como como panca imprescindible no desenvolvemento sostible do rural galego. Fíxoo na inauguración do II Foro de Liderado Feminino no Rural ‘Alza Voz de Muller’, que se desenvolve hoxe e mañá en Vimianzo coa colaboración da Xunta de Galicia.

Na súa intervención, María Quintiana puxo en valor foros coma este para dar máis visibilidade a mulleres que son protagonistas de proxectos empresariais, sociais ou culturais que favorecen o crecemento da contorna na que viven. Neste sentido, reafirmou o compromiso do Goberno galego de seguir traballando para acadar a igualdade de xénero en todos os eidos da sociedade.

A directora xeral lembrou algunha das medidas que ten en marcha a Xunta para fomentar o asociacionismo e o emprendemento feminino. Entre outros, referiuse ao histórico programa Emega, destinado a impulsar proxectos empresariais liderados por mulleres e no que na última convocatoria se apoio a máis de 400 proxectos de toda Galicia e se crearon máis de 600 empregos, a gran maioría no rural. De feito, o impulso de proxectos no rural galego é real: apoiáronse 85 proxectos en 61 concellos de menos de 5.000 habitantes e 158 proxectos en 58 concellos de entre 5.001 e 20.000 habitantes. Isto supón case o 60% do total das concesións.

Ademais, para avanzar nesa visibilidade, lembrou que a Xunta de Galicia puxo en marcha a plataforma coa maior comunidade de mulleres profesionais de Galicia, presentes.gal, da que forman parte máis de 2.000 profesionais, moitas delas espellos que escoitar e nos que xe fixar do rural.  

María Quintiana apuntou que o Executivo autonómico  está a reforzar nos últimos anos as políticas de conciliación e corresponsabilidade, poñendo o foco tamén no rural. Con este obxectivo, creouse unha ampla rede de casas do maior e casas niño, que son recursos gratuítos para as familias que están dirixidos á atención a maiores, nenas e nenos que viven en concellos pouco poboados e de carácter rural.

Temática

Documentación

Ligazóns

Vídeos

Audios