A Xunta destaca a necesidade de seguir dando pasos adiante para avanzar na igualdade de xénero no eido dos coidados

A directora xeral de Promoción da Igualdade agradeceu o labor das entidades sociais que traballan neste ámbito e fixo fincapé na necesidade de apostar pola profesionalización desde a igualdade e a corresponsabilidade

Cee (A Coruña), 19 de setembro de 2025

A directora xeral de Promoción da Igualdade, María Quintiana, inaugurou esta mañá a I Xornada de Afafes Alzhéimer en Cee. Na súa intervención, puxo o foco nas familias das persoas doentes e destacou a necesidade de seguir dando pasos adiante na igualdade de xénero nos coidados.

María Quintiana puxo en valor o traballo que desenvolve o conglomerado de asociacións de familiares de persoas con Alzhéimer e outras demencias, como Afafes. Tamén fixo referencia ao labor de acompañamento e apoio que desenvolven tamén coas súas persoas coidadoras, que historicamente estiveron sempre vencellados ás mulleres, tanto a nivel profesional como nos fogares, o que leva – recalcou- a desigualdades como a fenda salarial e de xénero.

Por iso mesmo, a directora xeral recalcou que para seguir dando pasos adiante “hai que poñer o foco na corresponsabilidade” e que cada vez haxa – engadiu- un reparto máis equitativo dos coidados. Ademais, sinalou que é fundamental favorecer que os homes escollan cada vez máis profesións relacionadas con este eido.

Así mesmo, María Quintiana avanzou que “é imprescindible o recoñecemento do papel fundamental que desenvolven as persoas coidadoras na nosa sociedade”. Polo que, dixo “ hai que seguir dándolle visibilidade e profesionalizando este sector, sempre favorecendo e apostando pola igualdade de xénero”.

Temática

Documentación

Ligazóns

Vídeos

Audios